Unha vitoria en Sevilla afastaría o Celta da zona do descenso

Abel Resino confía en sorprender esta noite no Sánchez Pijúan e mudar a traxectoria dos de Vigo fóra de casa (21:30 horas, Marca TV). O premio non é pequeno: a vitoria deixaría o Celta fóra da zona do descenso.
Plantilla Celta

Manterse en Primeira pasa por gañar pontos nas visitas. O novo treinador do RC Celta de Vigo leva días traballando ese aspecto cos xogadores da primeira equipa, como asegurou en conferencia de imprensa en Balaídos. "Hai unha materia pendente que é gañar fóra de casa, temos uns números moi pobres e para manter a categoría hai que os mellorar con urxencia".

Resino pensa en "mudar a mentalidade" e "ir a por todas". Non lle queda outra dado que nas vindeiras xornadas os "grandes" pasarán por Balaídos nun calendario infernal. Confesou que xa tivo algunhas charlas cos xogadores nas que tentou transmitir que "hai que ir a por todas, dar un paso adiante en cada partido".

Próxima estación, Sevilla

Abel Resino viaxou á capital andaluza con 18 xogadores. Estarán no Sánchez Pizjuán Sergio Álvarez, Roberto Lago, Borja Oubiña, Jonathan Vila, Álex López, Mario Bermejo, Iago Aspas, Dnijel Pranjic, Gustavo Cabral, Javi Varas, Vadim Demidov, Carlos Bellvís, J.Y.Park, Fabián Orellana, Quique De Lucas, Michael Krohn-Dehli, Augusto Fernández e Jonny Castro. Non entran na convocatoria Natxo Insa, Túñez e Toni, nen tampouco, neste caso por estaren lesionados, Samuel e Hugo Mallo. Preguntado polos descartes Resino non quixo comezar novas polémicas. "Estar fóra da listaxe é circunstancial, calquera pode entrar".

No Sánchez Pijúan veremos, avanzou o treinador, un Celta decidido que aproveitará "o desgaste" do rival na súa loita por estar en Europa. "Faremos un grande traballo defensivo", compromete Abel, "a primeira premisa é defendermos ben e aproveitarmos das súa debilidades". O treinador ten seguro que "os grandes atacan máis e deixan espazos" e aí tentarán estar os celestes para aproveitaren a ocasión.

Comentarios