O BNG quer as seleccións galegas xogando torneos internacionais

Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera,  parlamentares do BNG,  lembraron a recente sentenza favorábel do Tribunal Constitucional.
Acto reivindicando as seleccións galegas

Os parlamentares do BNG, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, rexistraron unha proposición non de lei no Congreso para que o Goberno do Estado permita que as seleccións deportivas galegas poidan participar en competicións internacionais. Instan ao Executivo español a apoiar a posibilidade de as federacións galega, catalana e vasca se integraren directamente nas entidades internacionais competentes, realizando as modificacións normativas e organizativas necesarias para facilitar dita integración. Para o BNG "o pleno desenvolvemento do deporte galego fai preciso que os combinados deportivos galegos poidan intervir e competir no plano estatal e internacional como xa o fan as representacións deportivas doutras nacións europeas".

O BNG quere que as seleccións galegas podan competir no mundo sen límites

Sentenzas favorábeis do Tribunal Constitucional
O BNG tamén lembra a recente sentenza do Tribunal Constitucional sobre o recurso presentado polo Goberno central contra a lei do Deporte basco e que abre a porta á posibilidade legal de que as federacións galegas representen o deporte galego en todos os ámbitos.
Galiza ten competencias exclusivas en promoción deportiva. Por tanto, as seleccións galegas deben poder competir no mundo sen límites
Os parlamentares nacionalistas galegos consideran que a prohibición da presenza internacional das seleccións deportivas de Galiza, Euskadi e Catalunya “carece de base constitucional e é, simplesmente, resultado dun esquema político centralista, de dubidoso encaixe coa competencia exclusiva de Galiza en materia de promoción deportiva”.

Ademáis, poñen de manifesto que “a presenza dunha única selección deportiva por cada Estado non é unha norma obrigatoria a nivel internacional. Ao contrario, en diversos Estados constátase a existencia de distintas seleccións nacionais, en consonancia co seu carácter plurinacional”. Para o BNG “é xa momento de romper complexos, de rematar coas visións pechadas que non se corresponden cos tempos nos que vivimos e superar esquemas políticos doutros tempos. Consiste en dar normalidade democrática ao mundo do deporte”.

Comentarios