O PSdeG ve "inviábel" que as seleccións galegas compitan oficialmente e o BNG apoia a proposta

Desde Vía Galega, plataforma promotora da iniciativa, salientan que é "un dereito colectivo que debe ter toda nación e que hoxe xa están a exercer 49 territorios que, sen ter estado propio como a Galiza, compiten oficial e internacionalmente".
O último partido da selección galega até o de agora foi en 2016 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O último partido da selección galega até o de agora foi en 2016. (Foto: Nós Diario)

O BNG trasladou o seu respaldo aos promotores da iniciativa que reclama que a Galiza poida competir en deportes de forma oficial, unha proposta que o PSdeG, pola contra, ve "inviábel".

Así o comunicou a plataforma Vía Galega tras a rolda de reunións que mantivo esta terza feira cos grupos da Cámara galega —PP, BNG e PSdeG—.

Ao termo dos encontros, os promotores da inicitiva que avoga polo dereito da Galiza a competir internacionalmente coas súas seleccións deportivas trasladaron que o Bloque mostrou o seu "apoio total" á proposta.

Pola súa parte, o PSdeG posicionouse a favor dos puntos resolutivos da iniciativa agás na demanda da oficilidade, xa que entenden os socialistas que levar a cabo esta proposta é "complexo e complicado", alén de "inviábel nos deportes onde compitan as federacións españolas".

A respecto do PP, segundo Vía Galega, os deputados Rubén Lorenzo e Daniel Vega afirmaron que o grupo abordará na súa próxima reunión a postura a adoptar sobre esta iniciativa.

Así as cousas, Vía Galega insta socialistas e populares a teren "altura de miras" e asumiren que as seleccións galegas "son realmente as que representan aos galegos e galegas".

"Non valen xustificacións de ningún tipo para non apoiar esta iniciativa, que está sustentada nunha reivindicación que vén de atrás, nun dereito colectivo que debe ter toda nación e que hoxe xa están a exercer 49 territorios e nacións que, sen ter estado propio como a Galiza, compiten oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas", resalta a plataforma.

Comentarios