LIGA GALEGA

O aumento de traiñeiras certifica a boa saúde do remo galego

Por primeira vez na súa historia a Liga Galega divídese en dúas categorías ao competiren 17 tripulacións.
Tripulación de Amegrove
photo_camera Tripulación de Amegrove

A tempada de remo en banco fixo arrancou na Galiza cunha boa noticia: Tres novas tripulacións súmanse este ano ás 14 xa existentes para competiren na Liga Galega de Traiñeiras. Por mor deste incremento, a propia Liga, por primeira vez na súa historia, tivo que estabelecer dúas divisións ou grupos. A LGT-A, que estaría conformada polas 8 embarcacións que mellor tempo acadasen nunha sesión clasificatoria preliminar, e as 9 restantes, que competirían na outra categoría, a LGT-B. Esta previa celebrouse en augas de Moaña e na mesa acadaron o seu billete para a división A as tripulacións de Chapela, Amegrove, Cabo da Cruz, Meira, Vilaxoán, Mugardos, A Cabana e Ares.

O resto das traiñeiras competirán na categoría B. Entre elas están as de Coruxo, Esteirana, Rianxo, Mecos-Mondariz, A Pobra e Salgado-Perillo. Asemade, forman parte deste grupo as tres novas tripulacións que compiten este ano: Robaleira (que volve tras un ano sen competir), CCR Cesantes e SDR Morrazo.

Os calendarios de ambas as dúas categorías xa están fixados, prometendo unha tempada do máis intensa nas augas da Galiza neste deporte que, en vilas coma O Grove ou Cabo de Cruz, por poñer dous exemplos, mobilizan a centos de peroas en apoio das súas tripulacións. As quinielas e prognósticos de primeira hora dan a Amegrove e Cabo coma principais favoritas ao campionato, aínda que o arranque de Chapela nas clasificatorias pon a esta traiñeira como unha das sorpresas. E sempre sen desbotar a traiñeiras coma Meira ou Vilaxoán.

Comentarios