O árbitro impide que o Deportivo se impoña ao terceiro clasificado da liga

Este Deportivo non é o anterior. Apenas concede opcións de gol. É unha escadra solvente. O pior que fai é empatar. Visitou Riazor o terceiro clasificado da liga e non puido pasar do empate. En boa parte grazas ao árbitro, que escamoteou á equipa de Fernando até dous penaltis.

Alex Bergantiños
photo_camera Alex Bergantiños

Hai veces en que non se dan as condicións para te impor ao rival e que ao máximo que podes aspirar é a contelo. Esa é a leitura que fixo Fernando Vázquez cando apañou a equipa hai 11 xornadas. Hai que gañar os partidos gañábeis e, no mínimo, empatar os outros. Dito e feito. Outra eiva: encaixamos demasiados goles, é evidente, veu dicer. Traballou en apenas dous meses para construír outro Deportivo. Para fabricar outra forma de xogar. Nun tempo récord este Deportivo é outro Deportivo. Onte os atléticos, que dispoñen de Falcao, apenas puideron probar a Dani Aranzubia.

As baixas foron un lastre para a equipa branco e azul. As baixas e o poderío físico dun Atlético que adiantou moito as liñas e colocou os xogadores de Fernando moi lonxe do arco de Courtois. Os gardamallas, en realidade, apenas tiveron traballo. Houbo demasiado centrocampismo. Moito choque. E pouco espazo para a filigrana, para o pase filtrado entre os centrais. Pouco discurso para Valerón.

O árbitro e o xuíz de liña finxiron non ver o que todo o mundo en Riazor viu

Con todo, o Deportivo si xerou as súas ocasións, fanadas na área atlética por dous penaltis. Un en cada metade. O segundo, clamoroso, no último minuto do desconto cando, oh sorpresa, Evaldo abeirou o gol, nun velocísimo contra-ataque. Unha man adversaria interpúxose entre a pelota e as redes. O árbitro e o xuíz de liña finxiron non ver o que todo o mundo en Riazor viu.

O Deportivo suma 3 empates consecutivos, fronte equipas que hoxe por hoxe son superiores a el (Athletic Club, Betis e Atlético de Madrid). A mellor noticia para os de Fernando é que o pior que lles pasa é empatar. Mais o camiño da vitoria debe ser rapidamente reatado. Dos 4 xogos que ten a equipa por diante (Valladolid, Espanyol, Málaga, Real SociedadI), o Deportivo precisa gañar, no mínimo, 2. Até pode non ser suficiente. Até pode precisar unha terceira vitoria ou, cando menos, outros 2 empates.

Fóra de casa, a equipa até parece sentirse máis a vontade, con espazos para o contra-ataque. Valladolid agarda.

Comentarios