'Deportivismo Ilustrado': Nostalxia branquiazul en papel e tinta

Nave 1839 acolle hoxe a partir das 17.30 horas unha nova edición do Autobom, o minifestival de autoedición e banda deseñada de autor da Coruña, no que estará representado o proxecto Deportivismo Ilustrado, que combina a arte e o humor coa paixón polas cores branquiazuis. 
grande
photo_camera Fernando Vázquez é un dos personaxes estrela da obra actual de Pepe Mansilla. (Foto: Pepe Mansilla)

Cantos motivos hai para ser do Dépor? Probabelmente, cada deportivista teña os seus. Para unhas será o milagre de San Vicente. Para outras, a remontada ante o Madrid en 1992, ou a do Milán en 2004. Poden ser centos, miles, quizais. Mais para Pepe Mansilla hai 25 motivos para ser do Dépor.

O artista galego, que leva anos tinguindo co humor branquiazul dos seus debuxos o portal Riazor.org, compila as súas razóns para "vivir o Deportivo", como el mismo explica a Nós Diario, nun fanzine que estará dispoñíbel a un prezo de 3,95 euros no Autobom, o minifestival de autoedición e banda deseñada de autor da Coruña, que comezará ás 17.30 horas de hoxe. 

O 'ying' e o 'yang' do deportivismo

A publicación enmárcase dentro do proxecto Deportivismo Ilustrado, que Pepe Mansilla iniciou xunto co tamén artista Alejandro Almau no San Xoán do pasado ano 2019, unha época "na que o Dépor estaba a piques de ascender, pero o Mallorca chafounos a festa", recoñece Pepe con humor. 

O estilo colorido, cargado de retranca, máis próximo á tira cómica xornalística clásica de Mansilla, contrasta co virtuosismo das ilustracións de Alejandro Almau, que o seu compañeir0 define como "espectacular".

Unha delas, a de Arsenio Iglesias que pode verse sobre estas liñas, viralizouse nas redes, dotándolles dunha visibilidade que os animou a crear unha tenda online, onde tamén se poden adquirir as súas creacións. 

Para Alejandro Almau, a "complementariedade" entre eses estilos "absolutamente opostos" son a clave neste proxecto, xa que permítelles acceder á públicos distintos co nexo común da paixón polo Dépor.

O ilustrador apunta, ademais, que desde a creación de Deportivismo Ilustrado descubriu unha "correlación" entre o interese nos seus produtos e o nivel de xogo e resultados da escuadra coruñesa.

"Cando o equipo estaba nos seus peores momentos, a apelación á nostalxia dos meus debuxos era especialmente atractiva, mais en canto comezaron as vitorias, Pepe, que capta mellor o atractivo da actualidade, tivo moito máis éxito", engade.

Saben que Deportivismo Ilustrado non lles reportará "fama nin fortuna", mais para eles é un modo de plasmar un amor "que vale máis que todo o ouro". 

Comentarios