Carlos Alberto Sánchez

"Nos deportes colectivos Galiza está a perder peso"

Esta quinta feira botámoslle un ollo aos deportes en VenhanMais5. Facémolo da man de Carlos Alberto Sánchez, o correspondente de Sermos en Riazor, o cronista dos días de gloria -os menos- e pena -infelizmente os máis- do Deportivo.

CAS
photo_camera Carlos Alberto Sánchez

-Como valoras o estado actual do deporte galego?

-Canto aos deportes colectivos perdemos peso. No fútbol, Celta e Dépor son a referencia. O malo é que o fútbol se come a presenza e o protagonismo de case todos os demais deportes, sobre todo nas súas ciudades. O Lugo está tendo un papel moi notable en Segunda. Na capital galega é tamén para celebrar a fantástica xeira do Obradoiro, aguantando na elite da ACB. É unha mágoa que os intentos que están a facer desde Ourense, Lugo e A Coruña cos seus respectivos equipos de baloncesto non acaden o ansiado ascenso. Lugo e Ourense son de baloncesto cen por cen. A Coruña tamén merece unha oportunidade na elite. Agora que desaparece o canon ábrese unha nova etapa interesante na carreira para conseguir dito ascenso. O baloncesto axuda a mudar a atención e o monopolio que hai sobre o fútbol, moitas veces ingrato cos afeccionados e coa prensa. Desde que se supermercantilizou o fútbol, as trabas para informar e ter contacto cos protagonistas diminui. Converteuse en deuses deportistas que non merecen tal trato. Acaba de ascender o Parrulo de fútbol sala en Ferrol, un deporte de moito éxito en Galicia e con notable aceptación por parte dos seareiros. É un deporte moi vistoso e espectacular. Mágoa do descenso do Burela. 

Pero non se pode esquecer da primeira liña do deporte galego a deportistas como Javi Gómez Noya, o noso Rafa Nadal. E detrás del outros deportistas. Todos os do piraguismo: Teresa Portela, Roi Rodriguez, Adrián Sieiro, Cristian Toro, Rodrigo Germade, Óscar Carrera. Borja Golán, en squash, un monstro solitario. En judo, María Bernabéu. En atletismo, Ana Peleteiro e Solange Pereira. Adrián Ben en atletismo semella ter un futuro moi prometedor ou Miguel González, que se están formando en universidades americanas. Águeda Cons tamén é unha das figuras destacables. 

Lugo e Ourense son de baloncesto cen por cen. A Coruña tamén merece unha oportunidade na elite

O CRAT femenino perdeu por un só punto a Liga de rugby. O deporte feminino está sendo un gran puntal do deporte galego este ano cos éxitos do Universitario de Ferrol de baloncesto que foron terceiras cun dos orzamentos máis baixos, o Mecalia Guardés que está a punto de saber se gaña a Liga de balonman, un deporte que foi eminentemente masculino e que desgrazadamente perdeu moto peso nos últimos anos (é este fin de semana). Este ano en vela, un dos super veteranos como Fernando Echavarri, con 45 anos, segue a sumar éxitos para o deporte galego, foi copa do Mundo de Hyeres. No deporte da vela, Tamara Echegoyen e Sofía Toro están obtendo resultados impresionantes. O mérito de ambas ademais é que se teñen que reciclar constantemente en novas clases de vela debido aos grandes cambios que sofre este deporte.

-Que evolución agardas do deporte galego a 5 anos vista?

-Penso que no futbolístico imos vivir tempos de sufrimento e proxectos unicamente de sostenibilidade na Coruña. A débeda brutal que está a manexar Tino Fernández e o seu equipo condiciona calquera proxecto. En calquera caso, no Deportivo todo pasa por atopar un adestrador que dea estabilidade deportiva. No Celta ábrese unha incógnita sobre o novo técnico. En todo caso, co clube saneado ten futuro para soñar. Ó Celta persegue un soño e agora está preparado para dar o salto o seu primeiro título. 

Penso que Lugo, Ourense ou a Coruña conseguirán ter equipo na ACB antes de cinco anos. Obviamente, o triatlón seguirá dando que falar co seu máximo representante, Javi Gómez Noya, e outros novos deportistas que están a seguir os seus pasos. 

No Deportivo todo pasa por atopar un adestrador que dea estabilidade deportiva. No Celta ábrese unha incógnita sobre o novo técnico

Haberá que estar atento ao novo ciclo olímpico. A escola de Vela de Vilagarcía está a formar unha canteira de deportistas moi cualificados e que darán resultados moi importantes. O último valor desa canteira é Nicolás Rodríguez.  O traballo en atletismo e badminton promete dar sorpresas e novas figuras deportivas. O caso do bádminton chama a atención porque xorde de vilas galegas moi pequenas, A Estrada e As Neves, sobre todo. O atletismo está traballando moi ben e forxando unha nova canteira á que haberá que seguir con moita atención.

O piragüismo non se pode esquecer. O éxito de David Cal e Teresa Portela impulsou este deporte e foron un gran exemplo a seguir que están dando os seus froitos.

En deporte paralímpico, é de salientar o baloncesto en cadeira de rodas, ou deportistas como Susana R. Gacio (triatlón), Chano Rodríguez (natación), que aparece seguir resistindo malia súa idade. Sería toda unha fazaña se conseguise con 63 anos estar nalgunha das probas olímpicas. O seu obxetivo é ser abanderado do equipo español.  

De Sermos agardo maior presenza do deporte feminino e máis información de deportistas individuais

Alberto Seoane en tenis de mesa campeón do mundo por equipos con España e un dos seguros na próxima partida os Xogos Olímpicos de Japón, salvo lesión.

En deporte colectivo féminino, é moi interesante o que está a facer o Deportivo. Un exemplo a seguir. Grazas ao Deportivo estase a visibilizar o fútbol feminino na elite.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Agardo maior presenza do deporte feminino, que ademais está a ter unha grande importancia con deportistas moi destacadas. Tamén máis información de deportistas individuais, como Javi Gómez Noya ou os vinculados ó mundo do atletismo e deportes olímpicos como o piragüismo e a vela, dos que só nos acordamos o remate da cada ciclo olímpico se obteñen praza para participar nun Xogos. Necesitan apoio dos medios e un maior recoñecemento. Moitos deles están moi sós. E capítulo moi especial necesitan os deportistas con algún tipo de discapacidade. Están a acadar case de modo silencioso grandes éxitos.

Hai dous xornalistas en Galicia moi atentos a todos estes deportistas da nosa comunidade. Alfonso Hermida e Silvia Carrregal. Ambos son moi interesantes para seguir a través das súas redes sociais.

Comentarios