DECLARACIÓNS DE MANUEL PABLO

“Non todos os blues son violentos. Só o son unha minoría. Tamén en tribuna hai xente violenta”

Esta terza feira, Manuel Pablo desmarcouse do discurso oficial da directiva deportivista e dixo que no seo dos blues os violentos son apenas unha minoría. VÍDEO NO INTERIOR.

Manuel Pablo [Imaxe Deportivo]
photo_camera Manuel Pablo [Imaxe Deportivo]

Manuel Pablo é o capitán do Deportivo após una longuísima e brillante traxectoria no clube. Esta mañá, compareceu en rolda de imprensa nas instalacións de Abegondo. O seu discurso foi claro: hai que expulsar os violentos dos estadios, mais non criminalizar os riazor blues. Baixo o seu ponto de vista, nos blues os violentos só son unha minoría. “Xente que se porta violentamente é unha minoría. Botar 4.000 persoas [dunha bancada] é exaxerado”, dixo.

Para o lateral direito, é inxusto situar a violencia só nos bancadas dos blues: “Ao mellor en tribuna, pois nun partido tamén se lanzan cousas aos árbitros se non están acertados, esa xente tamén é violenta”. O que habería, pois, segundo o seu ponto de vista, é investigar que persoas concretas incorren en condutas violentas e poñelas fóra do estadio, sen focalizar todo nunha sección determinada da afeizón deportivista.

As decisións do Consello, precipitadas

O capitán considerou que as decisións adoptadas polo consello de administración -o encerramento por dous partidos de Maratón Inferior, a declaración de Tino Fernández de que non voltará a haber emblemas dos blues en Riazor- foron precipitadas e insistiu en que “non por que se tomen medidas rápidas significa que sexan as mellores”.

Atribuíu esas decisións a que o consello de administración se viu moi presionado pola Liga de Fútbol Profesional, organismo que ao seu xuízo estivo “moi duro” coa afeizón do Deportivo.

“Non por que se tomen medidas rápidas significa que sexan as mellores”.

Foi interpelado sobre se as súas opinións as expresaba a título particular ou na súa condición de capitán do Deportivo. “É unha opinión miña, pero se somos normais [dentro do vestiario] todos pensamos o mesmo”. Esclareceu que non falaron disto co consello de administración e que en todo caso tampouco a directiva lles inquerira sobre o seu criterio ao respeito.

Manuel Pablo xulga que o ambiente que se viviu en Riazor o pasado sábado -con berros demandando a demisión de Tino Fernández- non é o máis “idóneo” para xogar un partido de futebol.

E sobre se entendería que o Deportivo cesase a vindeira segunda feira a Víctor Fernández a causa dunha eventual derrota ante o Elche, concedeu: “Claro que o entendería, até el o entendería”. Nese sentido, Manuel Pablo lembrou que a equipa só leva gañados 2 dos 14 partidos disputados no campionato e resaltou que toda a xente do futebol coñece as regras do negocio cando as cousas veñen mal dadas.

Comentarios