COMISIÓN CONXUNTA DE INTERIOR E DEPORTES

“Non se pode equiparar ambas afeccións. Houbo un asasinato, e os verdugos andan libres”

Os comparecentes presentan o asasinato de 'Jimmy' como froito do enfrontamento “voluntario e consciente” de “dous grupos violentos”. BNG, Amaiur, ERC ou PNV consideran pouco convincentes as explicacións dadas e critican que Interior evite calquera referencia ao Frente Atlético e á súa ideoloxía.

jimmy-crop

O asasinato de Francisco Romero Taboada ‘Jimmy’ foi para o secretario de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior produto dunha pelexa “voluntaria e consciente” de “dous grupos violentos”. Nesta frase Francisco Martínez dá por válida a versión da ‘quedada’ (non avalada aínda pola Policía española), equipárase a vítima e verdugos, e homologa dúas afeccións diferentes, Riazor Blues e Frente Atlético.

O secretario de Estado fixo un relato dos feitos nos que incidiu na responsabilidade do Deportivo da Coruña (“non transmitiu detalladamente o desprazamento dos radicais de Riazor Blues”) ou da Federación de Peñas por subministrar, afirmou, 110 entradas a eses seareiros deportivistas. A deputada do BNG, Rosana Pérez Fernández, na súa quenda, reprochoulle ao cargo de Interior: “30 minutos de intervención e non foi quen de mencionar o Frente Atlético. Todo foi centrarse no autobús, as entradas...”. Un reproche que tamén fixo o deputado de Amaiur Xabier Mikel Errekondo: “Vostede fixo un esforzo -na intervención- por presentar como violentos aos do Dépor e ningunha mención aos nazis do Frente Atlético”.

Francisco Martínez, que defendeu a actuación policial, anunciou porén que ía relevar os dous coordenadores de seguridade policiais en Deportivo e Atlético de Madrid. O secretario de Estado insistiu en que o partido non se declarou de alto risco porque nos últimos anos non houbera incidentes entre as afeccións e porque a información enviada desde o coordenador de seguridade do Dépor non permitía presaxiar que algo grave puidese acontecer. Recoñece que desde a quinta feira 27 de novembro tiñan información de que podía haber desprazamentos de ‘radicais’ do Dépor a Madrid. Mais esa información era ‘difusa’, polo que non se activou un operativo policial especial.

A intervención policial foi rápida, asegurou o secretario, e destacou que houbo 21 detidos (“16 de Riazor Blues, 4 Frente Atlético e 1 Bukanero”), mais nin referencia a que os asasinos seguían sen deter.

Obviar o carácter fascista do FA e o caso Zabaleta

A deputada do BNG Rosana Pérez comezou a intervención reiterando o rexeitamento de calquera tipo de violencia e transmitindo a “solidariedade e condolencia” á familia de Romero Taboada. A parlamentar nacionalista dirixiuse ao secretario de Estado para lembrarlle: “Houbo un asasinato. E os verdugos andan libres”. Lamentou que o Ministerio de Interior equiparase vítimas e verdugos e reprochoulle que durante a súa intervención de media hora “todo fose saber onde conseguiran as entradas ou o autobús” os seareiros do Deportivo”, mentres “nin mencionou o Frente Atlético”. E preguntou se lle parecía "normal" que ducias de ultras do Atlético de Madrid combinen para almorzar ás 7:00 horas -o secretario recoñeceu que a Policía tiña coñecemento dese dado - nas proximidades do Calderón.

Rosana Fernández preguntou por que non se suspendera o partido, “ao que asistiron mesmo membros do FA”, ou por que “a policía tardou 45 minutos en chegar” ao lugar dos enfrontamentos. Denunciou tamén a deputada que as Forzas de Seguridade se adiquen a perseguir “a quen leva bandeiras nacionalistas galegas” nos estadios mentres símbolos nazis e fascistas “seguen ondeando sen problemas”.

O portavoz de Amaiur acusou de “connivencia” a sectores da Policía e do Ministerio do Interior co Frente Atlético e extrema-dereita, lembrou o asasinato polo FA de Aitor Zabaleta (afeccionado vasco da Real Sociedade) e criticou duramente o secretario de Estado por evitar centrar o foco nos ultras nazis do Atlético de Madrid.

Joan Tardá, de ERC, preguntou directamente o secretario de Estado: “Onde están os asasinos, señor Martínez?”. O representante de IU denunciou a proliferación de grupos de extrema-dereita.

Comentarios