A estrela do Celta xogará ás ordes de Guardiola

Nolito, ao Manchester City

O extremo andaluz foi presentado esta mañá como novo xogador citizen, firmando por catro tempadas. Nolito convértese na venda máis cara da historia do Celta, que ingresará os 18 millóns da súa cláusula. Chegou a Vigo fai tres anos procedente do Benfica.

Nolito é a segunda fichaxe dos skyblues.
photo_camera Nolito é a segunda fichaxe dos skyblues.

O Manchester City presentou oficialmente a fichaxe de Manuel Agudo Durán ‘Nolito’ que deixará o Celta, após tres anos magníficos no conxunto de Balaídos nos que firmou 14, 13 e 12 goles, respectivamente. O pago da súa cláusula realizarase en dous prazos de 9 millóns, debido a un pacto amistoso entre os dous clubes para evitar, así, a taxa impositiva do 21% que provocaría a intermediación da Liga, segundo afirma Noticias Celta.

O gran rendemento de Nolito valeulle para ser seleccionado por Vicente del Bosque para xogar a Eurocopa 16', na que anotou un gol e deu dúas asistencias, así como para chamar á porta dos mellores clubes do mundo. Irase ao Manchester City que entrena Pep Guardiola. Con esta fichaxe, Nolito firma até xuño de 2020 co conxunto citizen, onde portará o número 9.

A marcha de Nolito deixará un vacío moi difícil de rechear na ofensiva olívica

A marcha de Nolito deixará un vacío moi difícil de rechear na ofensiva olívica. O diñeiro que reportará a súa venda será crucial para mitigar a ausencia do mellor xogador celeste dos últimos anos. O reforzo que substitúa a Nolito pode ser decisivo nos resultados que acade o Real Club Celta, nun ano no que xogarán tres competicións e no que reforzar o plantel será indispensábel.

O Celta volve, agora, a disputar competicións europeas após ter realizado unha das mellores campañas da súa historia. Para non baixar o nivel con respecto ao ano pasado e afrontar unha competición a maiores, Toto Berizzo precisará un maior abanico de xogadores e, coa saída de Nolito, un grande reforzo que o supla. A tarefa do novo director deportivo, Felipe Miñambres será decisiva nesta materia.

Comentarios