Noel Martín, medalla de prata en Elite de Contrarreloxo

O ciclista Noel Martín, do Vigo-Rías Baixas resultou subcampión de España de Contrarreloxo Individual (CRI) na categoría Elite na localidade mallorquina de Cala Millor.
Noel Martín, á esquerda, coa súa medalla (Foto: Nós Diario).
photo_camera Noel Martín, á esquerda, coa súa medalla (Foto: Nós Diario).

O coleccionista de medallas do Vigo-Rías Baixas volveu a ser fiel á súa cita. Noel Martín repetiu o resultado do ano pasado e esta sexta feira revalidou a súa condición de subcampión de España de Contrarreloxo Individual (CRI) na categoría Elite. Esta vez na localidade mallorquina de Cala Millor, o corredor abulense fixo historia de novo para a estrutura presidida por José Luis Chamorro.

O equipo flúor aspiraba a pisar o caixón da cita anual máis importante do ciclismo estatal, o que a pasada campaña conseguiu por partida dobre, e grazas a Noel Martín conseguiuno no primeiro intento. A CRI abriu o programa que concluirá o domingo coa carreira de fondo para profesionais e elites, dúas categorías que xa compartiron percorrido na loita individual contra o cronómetro. 

O trazado de 38,5 quilómetros e 384 metros de desnivel positivo acumulado víñalles moi ben, sobre todo na súa segunda metade, aos participantes. Ciclista todoterreo, o representante do Vigo-Rías Baixas estabeleceu o mellor tempo ao paso polo punto intermedio do quilómetro 19,3.

A súa referencia de 25 minutos e 24 segundos só bateuna entre os elites Eloy Teruel (Brócoli Mecánico), o defensor do título, rebaixando o 'crono' de Martín en 56".

A mesma secuencia deuse en meta. O do Arenal situouse primeiro con 50:28 e a continuación o corredor da formación murciana desbancouno parando o reloxo en 49:21. O terceiro posto correspondeu a Yago Segovia (Gomur) cun rexistro de 51:03. 

Carreira Sub-23

Este sábado o Campionato de España terá a súa continuación coa proba en liña Sub-23 de seleccións. Entre os corredores do Vigo-Rías Baixas que tomarán a saída en Palma de Mallorca, tres farano coas cores da Galiza: Martín Rey, Anxo Maneiro e Andrés Taboada.

Comentarios