Enrique Calvete, responsábel económico do Dépor

"Queremos manter o modelo da multipropiedade, un clube dos 25.000 accionistas"

Enrique Calvete Pérez (A Coruña, 1958) é un dos conselleiros da nova era do Deportivo. Gábase de ser accionista e socio, o número 1.705 do Deportivo. Economista e funcionario, é tamén o tesoureiro da Deputación de A Coruña. Con el repasamos, nunha conversa demorada, a montaña rusa na que se converteu o Deportivo nos tres anos de Tino Fernández como presidente.

rueda de prensa de tino fernandez por la destitucion de victor sanchez del amo
photo_camera Enrique Calvete, durante unha conferencia de imprensa

Este conselleiro é o encargado da área económica. É unha das pezas clave, pero non a única, na ordenación da débeda do clube. Constantino Fernández, presidente, e José Benito González Dans, director financeiro, combinan os esforzos, habilidades negociadoras e os seus coñecementos para levantar o clube, que ía camiño da liquidación. Enrique Calvete tamén leva o control do cumprimento de todos os pagamentos. Ten ante si a responsabilidade de supervisar o maior concurso de acreedores da historia do fútbol do Estado español. En só tres anos o seu equipo de traballo conseguiu liquidar un terzo da débeda que o clube contraeu con Facenda. Sendo tesoureiro de profesión, chegou ao Deportivo para manexar a caixa, mais nela atopou telarañas: non había, di, nin un só euro. Agora, tras atoparse un paciente moribundo, sen pulso e coas constantes vitais moi comprometidas, a saúde económica do clube camiña pola senda da viabilidade. A Tesourería do Deportivo xa non está en coma, aínda, que, por se acaso, ten nas mans un “desfibrilador” de contas.

-Desde que se fixeron cargo do Deportivo, que foi máis difícil de xestionar, os asuntos sociais do clube ou os económicos?

 - Os dous teñen a súa complexidade. O tema económico é un asunto en que o Deportivo se xoga a supervivencia e as súas posibilidades futuras. Lóxicamente, que o Deportivo mellore a súa posición económica lle dá unhas posibilidades competitivas diferentes. O económico é un tema difícil e á vez moi interesante de resolver. Partimos dunha situación coñecida por todos. Un concurso de acreedores, o máis grande do fútbol español, cunha débeda mastodóntica. Se lle engadimos a resolución que acabamos de coñecer do Tribunal Supremo, o problema é aínda maior. Polo tanto, o tema económico é un asunto duro para o clube. En relación ao social, hai moito do que falar en positivo. Ten moitos componentes ilusionantes. A afección do Deportivo é excelente. É unha afección que apoia o equipo rotundamente. Nós estamos moi contentos coa situación social. Aumentamos ao longo deste tempo o número de abonados até chegar aos 26.400 socios deste ano. Aínda que o equipo non está todo o arriba que desexamos, continúa a ter un apoio considerábel. Así que o tema social témolo que coidar moitísimo e estámolo a coidar. A afección meréceo. 

- O tema social atragoóuselles case ao principio da súa chegada cando se produciu o asasinato do afeccionado do Dépor Jimmy. Recoñecen que foi un lunar na súa xestión? Puidéronno facer mellor? 

-Por suposto. Foi un tema moi triste, porque finou un deportivista. En segundo lugar, se temos en conta a confusión dos primeiros momentos, e se temos en conta a gran manipulación informativa que houbo desde ámbitos mediáticos e institucionais, loxicamente foi algo moi difícil de xestionar. É certo que non acertamos e así o dixemos na Xunta de Accionistas, onde ademais aclaramos o tema. Naquel momento a información que nos chegaba, e que saía por todos lados, non daba a entender o que logo foi realmente. Todos fomos cambiando, non só o consello de administración, tamén o fixeron os medios de comunicación. Fóronse adaptando á realidade despois dunhas primeiras semanas de auténtica confusión. Nós intentamos, a partir de aí, tender pontes e buscar solucións axeitadas para que a situación social cambiara. A proba é que as temporadas seguintes o tema social é modélico en todos os sentidos e algo do que podemos presumir. A relación coa Federación de Peñas, o tratamento ao socio e ao abonado, a relación con todas as organizacións e agrupacións que apoian o Deportivo creo que é excelente. E o ambiente que hai en Riazor é espectacular. Grazas á flexibilidade que tivemos todos, a pesar de que este foi un tema moi difícil chegamos a atopar unha liña de sintonía. É verdade que, lamentabelmente, o problema fundamental, atopar os culpables do crime, continúa sen resolverse. Lonxe de continuar coa investigación, esta foi arquivada e de maneira inxusta, seguen caéndonos sancións absurdas aos seareiros e ao clube. Ás do clube estámolas recorrendo e estámolas sacando adiante.

Sobre Jimmy, o problema fundamental, atopar os culpables do crime, continúa sen resolverse

-  Foi un erro pechar a bancada no partido seguinte á morte de Jimmy?

 - Recoñeceuse que o foi, e pedimos as desculpas correspondentes.

 - Vostede sabe que os máis críticos coa súa xestión din que o Deportivo de agora é refén de algún medo de comunicación, da LFP (Javier Tebas) ou de Facenda. Sentíronse maniatados polas decisións que tiveron que tomar? 

-Realmente non entendo iso. Refén de quen? Dun medio de comunicación? De cal? O que se ve son os acordos que temos con todo canto medio de comunicación que segue o Deportivo, coas iniciativas que xorden desde calquer medio de comunicación, sen preguntar quen, cal medio, nin cómo, daranse de conta que esa afirmación é absurda. Todos teñen rigurosamente o mesmo tratamento. En canto a que nos vemos condicionados por Facenda... Home… pois claro! Efectivamente. Alguén ao que lle adebedas 100 millóns de euros non cabe dúbida que ten un importante peso nas túas decisións. Pero é algo que me fai graza. Acaso podemos facer outra cousa? Alguén pensa que nos tempos que corren se pode facer outra cousa que non sexa pagarlle a Facenda? Hoxe mesmo almorzamos coa nova de que o Hércules de Alacante está a ser embargado por incumprir o convenio singular de acreedores. E que estamos condicionados pola Liga? Home… pois, obviamente as decisións da Liga inflúennos, somos 42 clubes. Consideramos que nalgúns aspectos Tebas está a facer unha boa xestión ao fronte da Liga, principalmente en materia económica. Noutros aspectos consideramos que a súa xestión é moi cuestionábel, como no ámbito social e criticámola e tratamos de discrepar sempre nos foros nos que intervimos e na Liga, en concreto. Somos un referente para os seareiros de outros clubes na defensa do afeccionado e estamos orgullosos de selo.

Calvete 1 - Hai quen di que a vostedes déronllelo todo feito. Que só tiveron que cumprir os acordos herdados porque xa os atoparon resoltos… 

- Non sei quen pode dicir iso. Hai cousas ás que non lle imos dar voltas. Non imos mirar atrás, porque seguir mirando ó pasado non nos aporta nada. O importante é dar solucións aos problemas que nos atopamos. Con todo, que alguén poida dicir que xa estaba todo feito… pois só hai que lembrar que cando chegamos o equipo estaba en Segunda División. En segundo lugar, o clube estaba saíndo xusto nese momento do maior concurso de acreedores da historia do fútbol español. Había un escenario no que non había acordo cos acreedores principais como a Axencia Tributaria (case 100 millóns de débeda) e as entidades financeiras (37 millóns de débeda). Non imos afondar na ferida porque non aporta nada lembrar as responsabilidades desa situación. Imos mirar o futuro. A nós tócanos xestionar o presente e o futuro da entidade, que para iso nos elixiron. Pero esa opinión que di vostede na súa pregunta é surrealista. En realidade tiña que ser ó revés e preguntar que dificultade non nos atopamos, se é que houbo algunha.

- Falemos da débeda. Despois de atoparen o paquete da débeda que se atoparon contraron no clube, ¿cómo conseguiron ordeala e pagar puntualmente os salarios, os prazos, etc…? 

-O comezo foi moi duro. Cando chegamos e fomos a xogar a Murcia atopamos un clube no que todo estaba embargado e con cero euros nas contas. Pode imaxinarse a situación. Pouco a pouco fomos reconducindo a situación. Primeiro con Facenda e cos bancos. Empezamos a ter un pouco de marxe. Pronto asinamos o acordo singular. E fomos saíndo adiante. Pouco a pouco foron aumentando os ingresos. Houbo unha evolución positiva dos dereitos de televisión, sobre todo, esta temporada, coa venda centralizada. Aumentaron os ingresos comerciais, os ingresos por patrocinios, os palcos, os ingresos por abonados e despachos de billetes, e con iso saímos pouco a pouco. Podemos presumir que agora todo o mundo cobra, os novos IVAS páganse, os IRPF´s, os impostos sobre sociedades sen bases impoñíbeis negativas a descontar, a débeda de atrás sobre a que estamos ao día, e non só iso, senón que ademais estamos adiantando cotas, todo o mundo no clube está regularizado porque atopamos traballadores que cobraban en B. Estamos moi contentos porque démoslle unha volta ao clube. Ademais, tamén montamos unha estrutura profesional que non existía. Hai un director de comunicación, un director corporativo, unha estructura da área deportiva, un director comercial, etc. Todo iso nun clima de tremenda austeridade e de eliminación de gastos innecesarios e investimentos ruinosos.

 - Vostedes teñen sido obxecto de crítica por anteciparen  pagos a Facenda… 

- Pero quen critica? Non creo que esa crítica teña sido masiva. Non creo que o deportivismo lle pareza mal que anticipemos pagos a Facenda. Logo quen critica? Esa opinión creo que é marxinal…

 - Igual é que non explicaron que co adianto dos pagos a Facenda obteñen un beneficio, como pagar menos xuros… 

- Home, desde logo inflúe. Efectivamente, pagando cantidades anticipadas páganse menos xuros. Pero, ademais, damos unha imaxe de seriedade á Axencia Tributaria e, por extensión, unha mensaxe ao resto de acreedores no sentido de que este clube ten cambiado. E, desta maneira, estamos desfacendo o problema, na medida na que podemos.

 - Vostedes cren que os afeccionados reparan na trascendencia do que están conseguindo coa xestión económica ou este tema é secundario para eles porque o que se quere ver na bancada é o fútbol? 

- Eu non estou dacordo. É certo que isto é fútbol e aos afeccionados o que máis lles interesa é o comportamento do equipo no céspede. Pero persoalmente atopeime cunha porcentaxe moi pero que moi significativa de afeccionados aos  que a situación económica lles preocupa de verdade. Comprenden a situación e interésalles verdadeiramente na medida en que é preocupante. Existe máis conciencia do que eu mesmo imaxinaba cando comecei como directivo e das limitacións que esta situación supón na xestión, sobre todo, á hora de facer un cadro de xogadores competitivo. 

- Un feito de especial relevancia, que posiblemente non foi explicado co interese que merecía, foi o logro de ter conseguido o cambio dun Real Decreto (era o da lei concursal) que lles permitiu solventar un asunto tributario que podería ter comprometido as contas dese exercicio. ¿Cómo foi ese traballo de enxeñería xurídica que puxeron en marcha?

 - Este asunto tiña que ver coa quita que se aprobou no concurso. Para Facenda a porcentaxe da quita é un beneficio que coa lei na man de entón é imputábel ao exercicio fiscal do ano no que se aproba o concurso. O efecto financeiro da espera e a quita orixinaba un beneficio absolutamente ficticio. Estamos falando de máis de 30 millóns de euros de beneficio ficticio. O imposto de sociedades correspondente eran 10,8 millóns de euros. Ese ano que chegamos a normativa contable contemplaba a quita como un ingreso do exercicio, pero ao mesmo tempo, ese mesmo ano houbo unha modificación da lei concursal para que o imposto que se derivaba da quita e da espera puidera pagarse ao longo do periodo concursal. O problema é que a contabilidade do Deportivo pecha o seu exercicio a 30 de xuño. E esa norma no lle afectaba, porque a modificación aprobouse para as empresas que comezaban o seu exercicio fiscal o 1 de xaneiro. O Deportivo comeza o exercicio contable o 1 de xullo. Iso era dunha inxustiza tremenda. Fomos a onde se nos puido escoitar e atendéronos. Como a lei estaba aínda no pleno proceso lexislativo puidemos explicarnos e que se tramitase unha enmenda para resolver esta inxusta incoherencia. Desa maneira, puidemos librarnos de ter que pagar esos 10,8 millóns de euros nun só exercicio. Ímolos pagar, pero ao longo de todo o periodo concursal, como o resto das sociedades concursadas.

 - Cando vostede di… estaba en pleno proceso lexislativo… non está dicindo que o reto era conseguir que o Senado, en votación, aprobase unha pequena matización que aparece nunha disposición final no novo texto lexislativo, que contemplaba un cambio tan significativo como que se lles deu un respiro económico ante Facenda moi importante.

 - Xa, pero que ninguén pense que houbo algo raro. Seguramente o lexislador non caeu daquela cando redactou o texto orixinal, porque as empresas que teñen exercicio fiscal partido e que estaban en fase de concurso ese ano, son mínimas. Nós só intentamos facer ver que era inxusto e levantamos a voz para que se desen de conta. E, claro, como a lei se estaba tramitando, conseguimos que todas esas persoas que tiñan que decidir [aínda que o entrevistado non o confesa, esas persoas eran os senadores] comprenderon a situación inxusta que se estaba xerando.

 - Pero tiñan que facelo, argumentando para que os senadores reparasen niso. A peculiaridade de aquel movemento que vostedes lograron realizar é que, posiblemente, o único beneficiado do cambio no texto era o Deportivo. 

- Efectivamente. Descoñezo se había algún caso máis, pero que saibamos non o había.

 - As cousas estábanse aparentemente a encamiñar e vai e… chega unha sentenza do Tribunal Supremo e volve poñerse todo patas arriba. Senten de novo o perigo da desaparición do clube con este fallo?

 - Non, en absoluto. Ese fallo é un varapau. Non o podemos negar. Supón que unha cantidade que estaba considerada como débeda subordinada, e polo tanto, que había que pagar en cómodos prazos e cunha quita de 33% pasou  a ser privilexiada. A débeda agora é maior e hai que pagala en menos tempo. O problema incrementouse de forma sustancial. Pero desa sentenza aínda temos que discutir cousas. Hai solucións que estamos estudando. Unhas están relacionadas coa execución e a comprensión da sentenza. Cremos que pode haber dúbidas que sería ben esclarecer. É posíbel que, aínda que a sentenza sexa firme, haxa procedementos que teñen que ficar máis claros. De todas maneiras, temos que buscar a forma de entendernos coa Axencia Tributaria e ver como queda o convenio a partir daquí. E, por último, ver outras solucións de financiación. Pero en absoluto nos plantexamos que o clube vaia desaparecer como consecuencia desta sentenza. Son optimista e o máis optimista é o Presidente que xa fixo declaracións ao respecto neste sentido. Pero, ollo, este optimismo non pode nin debe interpretarse de manera frívola. Non imos sacar ningún coello da sombreiro, en calquera momento. Isto non é así de sinxelo. O Deportivo, hai que lembralo, está en causa de disolución porque ten un patrimonio negativo que é moi importante. Ese patrimonio negativo é agora de menos de 80 millón de euros. Pero se incumprimos os convenios concursais entón si que pode haber problemas de viabilidade. A situación é grave, pero non de hoxe, ou como consecuencia da sentenza que acabamos de coñecer. Xa viña grave desde atrás. Vamos facer todo o esforzo do mundo para saír adiante. E estou seguro que imos saír. Pero non se pode dubidar que a situación é difícil. Hai un estudo que se publicou recentemente no que se reflectiu que o Deportivo é un dos principais debedores.

En absoluto nos plantexamos que o clube vaia desaparecer como consecuencia da sentenza do Tribunal Supremo

E onde están situados eses debedores? Ou ben son clubes que teñen unha capacidade de xerar ingresos moi grande e,polo tanto, non sofren ese problema como o que está tendo o Deportivo ou ben son clubes que están en Segunda División con gravísimas dificultades económicas e, loxicamente, tamén deportivas. O reto do club non é a liquidez. Se seguimos en Primeira División non vai haber ningún problema. O reto é conseguir estar en Primeira nas condicións competitivas axeitadas. E hoxe hai un marco para competir. Os clubes estamos practicamente intervidos e ninguén pode gastar máis do que determina o seu límite salarial. O problema do límite salarial neste momento -se non conseguimos solventar e aclarar antes de que empece a próxima Liga todo o relativo ao fallo do Tribunal Supremo- aínda será máis grave. Porque seguimos adicando o tempo a traballar en solucións, pero tampouco nos pillou por sorpresa. Pero non todo está feito e hai que traballar con coidado porque é un tema moi complexo. En cualquera caso, coincidimos plenamente na mensaxe optimista que atopamos. Buscar unha solución axeitada para seguir adiante.

 - Que chegasen persoas con experiencia empresarial foi fundamental para cambiar o rumbo do Deportivo?

 -O fútbol mudou moito. Hoxe en día a parte empresarial do fútbol é moi importante e cada vez máis. Dispoñer dunha estrutura de empresa, tanto desde o punto de vista comercial, como do marketing, como da xestión financeira, como de todo tipo de estrutura organizativa que permita sacar o clube adiante con profesionalidade, ten unha importancia que, se cadra hai 20/30 anos non  tiña. Os clubes están intervidos porque houbo uns procesos de endebedamento moi grande. Loxicamente comeza a estar mal visto na sociedade que os clubes teñan débedas coas administracións públicas, dada a crise que temos pasado, e agora estamos nunha situación que a normativa da Liga non contempla a alternativa de non pagar. Agora xa non se pode non pagar ou financiar non pagando. Para arrancar na Primeira División, desde o primeiro minuto de competición, o que se che pide é un certificado de estar ao corrente coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social. Sen iso non podes competir en Primeira. Sen iso, lánzante á cuneta como sucedeu co Elxe ou como estivo a piques de suceder con algún outro clube. Non podes ter débedas con futbolistas a 31 de xullo. Pouco a pouco se deron circunstancias que fai imposible estar na elite se non cumpres cos requisitos económicos e financeiros básicos.

 - Vostede dixo antes que o afeccionado non espere que vaian sacar coellos do chapeu. Na campaña electoral un candidato falou dun “merlo branco”. O caso é que na Coruña hai cabalos brancos, pero ningún saíu ao galope por Riazor. Por que ninguén foi capaz de facelo galopar?

 - A verdade é que non o sei. No que nos temos que centrar nós é en resolver a situación que nos temos atopado. Hai unha parte envexábel do clube. Que a sociedade é dos seus afeccionados. É o clube que ten máis accionistas de toda a Primeira División. Como consecuencia da ampliación de capital social agora temos 25.333 accionistas, que son propietarios do clube e ningún deles cunha porcentaxe significativa. Iso é un valor importante e que foi reforzado na última ampliación. Sería moi bonito que isto siga sendo posible, malia que poida haber cabalos brancos. De todos xeitos, lóxicamente, nun caso de situación extrema habería que agarrarse a ese modelo. Pero non é o modelo que queremos ou que nos entusiasme. Defendemos o modelo da multipropiedade porque é tremendamente ilusionante e a nosa afección está convencida de seguir con el, como se amosou na recente ampliación.

Isto non é así de sinxelo. O Deportivo, hai que lembralo, está en causa de disolución porque ten un patrimonio negativo que é moi importante. Ese patrimonio negativo é agora de menos 80 millón de euros

 - Ou sexa que o Deportivo pode tirar adiante sen un cabalo branco…

-Ese é o desexo. A ampliación do capital social fíxose sen ningún cabalo branco xa que se puxo un límite de accións que antes non existía. Non podemos garantir como vai ser o futuro dentro de 10 anos, pero do que estamos seguros é que o Deportivo será o que os accionistas queiran e son moitos. Para facer outra ampliación de capital con outras bases primeiro terá que aprobarse na Xunta de Accionistas. 

-Voulllo dicir doutro xeito… Outros clubes xa venderon o nome do seu estadio a unha marca comercial. Aquí na Coruña o ruxe ruxe apuntaba sempre a nomes de marcas comerciais estranxeiras ou alleas á cidade. E por que non pode ser Zara-Riazor, por exemplo?

 - Pero imos ver… isto xa é falar doutra cousa. Iso é explotar o nome comercial do estadio. Nós estaríamos encantados porque sería un recurso importante para o clube contar con esa comercialización. Neste momento non hai nada ao respecto de ningunha compañía nin galega nin española, nin estranxeira.

 - Sigo tirando pedras por esta banda. O estadio de Riazor podería albergar un centro comercial en parte dos seus baixos?

 - Buff. Pois iso é algo moi complexo. Pero xa temos a Dépor Tenda. Aí tamén pensabamos construír o museo do Deportivo, onde estaba o ximnasio. Polo tanto, a explotación existe xa. Se falamos de cousas máis complexas creo que non é o momento porque xa temos bastantes necesidades prioritarias e habería que contar coa opinión do Concello, claro. 

- Falamos moito da situación financeira e pouco de fútbol. ¿Vostedes son capaces de gozar do fútbol?

 - (Ri). É que eu son do Deportivo. Ser do Deportivo implica moitas cousas. A primeira vez que fun a Riazor tiña catro anos. Implica que vivín toda a historia do Deportivo moi en directo. Meu pai é o socio número 20 do Deportivo. Meu tío xogou no Deportivo. É dicir, para min o Deportivo é como a miña vida, se se refire ao meu caso persoal. Supoño que os meus compañeiros de Consello terían unha historia diferente pero vai ser máis do mesmo que no meu caso. Así que… gozamos do fútbol? É que para nós é unha paixón! Nós non temos abandonado a bancada. Estamos no palco porque é a nosa obriga representar institucionalmente o Deportivo. Pero realmente somos parte da afección porque levamos toda a vida aí co resto de afeccionados. Nós non viñemos dun país do alén. Sentímonos parte da bancada. Loxicamente no palco sofres máis porque por respecto non podes exteriorizar as emocións e sofres porque te sintes máis responsábel de todo o que sucede, aínda que nese momento non poidas facer nada. Realmente para min é un orgullo ser conselleiro do Deportivo. Creo que imos ser capaces de sacar isto adiante. É entrañábel entre as miñas vivencias ter esta parte da miña vida enfocada ao servizo do Deportivo.

 - Pero é que vostedes están sentados encima dunha débeda de 100 millóns de euros… A débeda déixalles ver a pelota? 

- Home, non podes estar pensando todos os días e a todas horas nos 100 millóns, pero claro é certo que se veñen á cabeza moitas veces. 

- Lendoiro dixo nunha ocasión que estar sentado na cadeira de presidente do Deportivo era como estar sentado na cadeira eléctrica. Vostede non é o presidente pero… chega esa electricidade ao resto de asentos do Consello?

 - Non sei se é eléctrica ou de outro tipo, pero síntese. É moito máis cómodo o meu asento na bancada de Tribuna desde o punto de vista da electricidade. 

j36 liga bbva primera division temporada 2015/2016 deportivo 0-2 getafe domingo 01/05/2016 a las 18.15 horas riazor- E pensaron algunha vez en abandonar o barco?

 - Pois home,  pasamos por situacións moi complicadas. Deportivas, sociais, económicas… e algún día de enfado acaba vindo á cabeza. Pero nós comprometémonos estar estes cinco anos e ímolos cumprir sexa como sexa. Ademais xa nos ten pasado de todo e xa non nos pode pasar nada máis. Só poden pasarnos cousas boas.

 - Tino Fernández dixo que estaría disposto a estar outros cinco anos máis, non?

 - O que dixo exactamente é que o verán anterior ás elecciones, en 2018, decidiría. Díxoo por el, non polos demáis, que neste momento diría que si, pero iso non está decidido e non está falado. Teñen que darse aínda moitas situacións. A primeira e máis importante é o apoio dos accionistas, claro.

 - Dá a impresión de que sen este Consello sería moi difícil pilotar a nave. É así?

 - Todos somos necesarios. Ninguén é imprescindíbel. Nalgún momento aparecerán persoas que sexan competentes. Seguro que as hai e mellores, non imos ser só nós. Non sei o que vai pasar no futuro. O noso programa está cumprido nunha porcentaxe alta. Este tema da sentenza do Tribunal Supremo veunos a contra pé porque pensabamos que poderíamos solucionar o tema da débeda nun espazo de tempo máis reducido que o que vai ser. Pero tanto ten. Modernizamos o clube, creamos o equipo feminino, profesionalizamos as estruturas, mantemos o equipo en Primeira División, imos reducindo a débeda, e fomos configurando unha estrutura para poder levar a situación adiante, como temos feito. Creo que o imos conseguir e nos vai encher de orgullo. Outra cousa é que nós sigamos ou non, e se se presenta alguén sería sempre coa opinión dos accionistas. Nun clube onde hai máis de 25000 personas opinando imaxínese o que pode dicirse. E no caso de que o presidente queira seguir haberá que ver se quere seguir contando conmigo.

 - Se cadra xa respondeu esta pregunta, pero téñolla que facer de todos os xeitos. Cal é a herdanza que van deixar?

 - Pois en xaneiro de 2019 é cando se cumpren os cinco anos do noso mandato, creo que, malia o varapau do Tribunal Supremo, imos ter un clube moito máis solvente, cunha débeda moito máis reducida, máis patrimonializado, tanto no equipo como en patrimonio de outro tipo. Cando chegamos había un montón de xogadores cedidos. Agora, pouco a pouco, temos xogadores propios. E sobre todo, creamos unha estrutura profesional. Sen dúbida, é unha aportación moi importante. Profesionalizamos a xestión tanto do punto de vista empresarial como desde a área deportiva. Iso vai dar os seus froitos e han ser moi visíbeis. 

É o clube que ten máis accionistas de toda a Primeira División. Como consecuencia da ampliación de capital social agora temos 25.333 accionistas

Tamén espero que deixemos unha herdanza de transparencia. Rozamos o sobresaínte na clasificación de transparencia dos 42 clubes da Liga. Melloramos a calidade democrática nas nosas relacións con medios e institucións. Aspiramos a deixar as relacións con todos ao máximo nivel, con independencia de que, no caso dos medios, unhas veces gústanos o que escriben e outras non tanto porque así é a democracia. Tratamos igual a todos, discrepe máis discrepe menos, e no caso das institucións defenderemos sempre o interese do Deportivo ao máximo, pero sempre con bon ton e con vontade de asinar acordos.

Tamén me gustaría destacar a calidade democrática das Xuntas de Accionistas. O interesante e voluminoso dossier que está a disposición dos mesmos sobre as contas, informe de xestión, orzamentos…, etc. A existencia por fin de tres urnas para votar sen facer interpretacións presuntas favorábeis, etc.

 - O límite salarial é o maior problema que teñen agora entre mans? Máis que a débeda?

 - Si. Si. Esquecémonos do límite salarial, co tema da débeda, mentras esteamos en Primeira División, do punto de vista da liquidez non imos ter problema ningún. O problema realmente é manterse en Primeira en condiciones competitivas complexas. Ese é o reto. Buscar unha fórmula para a estructuración e o pagamento da débeda e que non nos lastre tanto o límite salarial temporada a temporada. Hai que ter en conta que a marxe que temos é moi pequena. A débeda do Dépor, en relación aos recursos ordinarios que xenra cada clube, agora mesmo é a segunda máis importante de Primera División. O clube que ten a maior débeda de Primeira División ten unha sorte que nós non temos porque eles non lle deben case nada a Facenda e si a unha entidade financeira. Ter unha débeda tan gorda como a que temos con Facenda é un lastre enorme por moitos motivos. Eles teñen un taxímetro de recargos e xuros que foi o que provocou que se disparase o problema no Deportivo, como recoñece a propia sentencia do Tribunal Supremo. Só un tercio da débeda son recargos e xuros que lle debemos a Facenda. Se a pagásemos no seu prazo non a teríamos agora. No é o mesmo deber á Axencia Tributaria porque está moito máis limitada pola normativa e pola súa condición de administración pública á hora de alcanzar acordos. Moito máis que se un é debedor dun banco ou doutro tipo de acreedores. 

- De non haber débeda que ten o clube con Facenda nestos momentos, cal sería o límite salarial para o primeiro equipo?

 - Pois tendo en conta que temos máis de 26.000 socios, que temos unha marca importante, temos unha asistencia media ao estadio moi considerábel, que temos un gran peso do punto de vista dos seguimentos televisivos, creo que sería moi superior e estaríamos nunha zona media e tirando máis ben para arriba. Seguro. Con débeda cero podemos chegar a ese estado. 

- E con débeda cero os obxectivos deste Consello de Administración sería conseguir algún título deportivo?

 - Buffff (ri). Estamos falando en termos de futuro. Nós non nos poñemos límites. Aspiramos a que o Deportivo estea sen débeda un día. E aspiramos a voltar arriba na clasificación, a voltar a Europa e a estar competindo. Sabemos que cada vez é máis difícil porque un modesto competindo por un título é complicado, pero estaremos aí. Non renunciaremos a nada. Ilusiónanos voltar a aqueles anos de gloria. Confío que se non é con nós no Consello, vai ser con outro equipo directivo, pero voltaremos a gañar títulos e eu vouno ver. Se non é no Consello vai ser na bancada.  

-Parafraseando ao xogador do Fútbol Club Barcelona Josep Piqué, coa Copa comezou todo, non…?

 - Comezou moito antes que coa Copa. Fixéronse moitas cousas ben antes de facernos co primeiro título. A época dos títulos vén porque antes, durante varios anos, fixéronse moitas cousas moi ben. A época das penurias tamén veñen porque antes, durante varios anos, se fixeron moitas cousas moi mal.

- Para ir rematando. Cal foi o peor momento deste Consello ata este momento?

 - Os tristísimos acontecementos de Madrid nos arredores do Vicente Calderón e os meses posteriores a este suceso. E tamén aos seus coletazos que aínda duran hoxe porque segue sen esclarecerse o asasinato e o arquivo da causa foi un pau para o deportivismo. Foi o máis duro, o más triste e o máis complexo que tivemos que soportar, pero non só o Consello de Administración, senón todo o deportivismo.

A época dos títulos vén porque antes, durante varios anos, fixéronse moitas cousas moi ben. A época das penurias tamén veñen porque antes, durante varios anos, se fixeron moitas cousas moi mal

 - E o mellor?

 - Quizais diría que o ascenso á Primeira División, que se produciu o primeiro ano que entramos. Foi unha grande alegría porque a viabilidade do clube en Primeira é total. En Segunda, o problema de endebedamento ía ser moito máis complexo. O ascenso foi unha fonte de alegría. E conseguir os seguintes obxectivos de nos mantermos en Primeira tamén foi moi importante. Tal como funciona o fútbol, o único realmente importante é estar en Primeira División e, no caso do Deportivo, máis. O demáis xa irá chegando. Non vou dicir que cada ano que consigamos unha permanencia fagamos unha festa estruendosa porque é o obxectivo mínimo que hai que conseguir. Pero debemos de alegrarnos moito. E debemos celebralo dalgunha forma. Non é para botar foguetes nin ir a Catro Camiños, pero é tan básico, e tan fundamental, que temos que estar moi contentos.

O peor momento deste Consello? Os tristísimos acontecementos de Madrid nos arredores do Vicente Calderón [o asasinato de Jimmy] e os meses posteriores a este suceso

 - Se houbo algún atisbo ou posibilidade de fenda social, como co que puido derivarse do comunicado de Lendoiro da semana pasada, esa fenda xa está tapoada?

 - Pero… de que me fala? Non vexo ningunha fenda por ningures. Vexo que hai opinións diferentes no deportivismo. Xente que lle gusta máis o adestrador, outros menos. Persoas que prefiren un xogador, outros que non, e haberá a quen lle guste moito o Presidente e o Consello e outros que pouco. Pero con independencia das opinións eu vexo que todo o mundo se enchufa o Deportivo, que ten máis abonados que nunca nos últimos anos, que ten apoio televisivo e de asistencia de público en Riazor, malia que nos coincidiron moitos partidos no medio da semana, que tamén xa foi desgraza do sorteo, pero no hai dúbida que hai unhas bases mínimas de unidade no deportivismo e que está moi enchufado para saír adiante. Hai moitísima xente, a inmensa maioría, que isto o ve claro. Outra cousa é que haxa diversidade de opinións. Iso está dentro do marco do fútbol. Non percibin ningunha fenda. Ao contrario, o que se percibe é o apoio de 99,5% do deportivismo como se evidenciou na última Xunta de Accionistas.

Na foto do palco do Deportivo Enrique Calvete é o primeiro pola direita. As imaxes que acompañan esta entrevista son da autoría do equipo de comunicación do Deportivo.

Comentarios