Ninguén pode co Burela: 6-0 ao Pescara e campioas de Europa

As da Mariña gañan a Women's European Champions
O factor campo foi determinante, e o feito de xogar contribuíu ao triunfo final das galegas. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera O factor campo foi determinante, e o feito de xogar contribuíu ao triunfo final das galegas. (Foto: Pescados Rubén Burela)

O Pescados Rubén Burela completou o seu xa amplo palmarés deportivo coa vitoria na Women's European Champions, o décimo título que gaña de modo consecutivo.

A escuadra galega esmagou na final o Pescara Femminile italiano por un contundente 6- 0, completando así a súa participación neste torneo internacional organizado baixo o paraugas da UEFA cun inmaculado rexistro de tres partidos e tres vitorias, cun total de 16 goles a favor e ningún en contra, despois de saldar os seus dous enfrontamentos previos ante o combinado ruso do  MFC Normanochka por un global de 10 a 0.

O Burela chegaba á finalísima desta cita pioneira no continente europeo coa intención de superar un Pescara que, tras protagonizar un gris debut na competición (gañando pola mínima 2-3 ante o Tesla), conseguía o seu boleto á última rolda tras imporse ao Benfica portugués tamén por un único tanto de vantaxe nun partido moi competido que rematou por 1-o.

Xa na gran final, o combinado da Mariña anunciaba as súas intencións ao pouco de comezar o choque cun disparo ao pau de Peque, que respondía con perigo ao achegamento inicial das transalpinas. Non tardaría moito en chegar o gol, que se materializaría logo das primeiras rotacións da man de Cilene, quen de potente disparo desde fóra da área a pase de Dany subiu o 1-0 ao marcador xa no 6.

O Pescara respondeu aumentando a intensidade da súa presión á saída de balón lucense, provocando que o choque se desequilibrase por completo. A partir dese momento, as dúas formacións intentaron sorprender con intentos de media distancia, até que a cinco minutos para o final do primeiro período Peque abría para Irene Samper, quen con calidade gañaba a liña de fondo e habilitaba de forma maxistral para que Emilly, a porta baleira, anotase o 2-0 precisamente nun momento en que as italianas cubrían cota de cinco faltas.

A lóxica reacción foi que o Pescara buscou marcar con aínda máis enerxía, e Belli -primeiro- e Boutimah, despois, a piques estiveron de perforar a meta defendida por Sandra Buzón, mais a santanderina mostrouse insuperábel durante todo o torneo. O asedio foi tal que durante os últimos minutos trataron de sorprender empregando a sempre arriscada táctica do xogo de cinco -con Eva Ortega como porteira-xogadora-, mais non só non conseguiron o seu obxectivo, senón que Ale de Paz estivo a piques de aumentar a distancia cun remate á madeira.

Unha locomotora laranxa

Tan só dous minutos despois da reaunudación, a autora do segundo gol, Emilly Marcondes, repetía fazaña subindo o 3-0 ao marcador de espectacular falta directa, tanto que sucedería outro da mesma xogadora case inmediatamente despois, logo de que unha gran xogada persoal de Peque habilitase á estrela brasileira para certificar o 4-0 cando o electrónico sinalaba o minuto 26 de partido.

Con todo, a fame de gol das galegas non tiña límite, e a madrileña Peque, fundamental durante todo o encontro pero que aínda non tivera a recompensa do gol, marcaba desde cancha propia de soberbio zapatazo para sacar petróleo da aposta da escuadra transalpina de optar pola porteira-xogadora. Xa a piques do final, e cando o Pazo dos Deportes de Lugo era unha festa, Jozi emulou á súa compañeira cun tanto de idéntica factura que confirmou que, no fútbol sala, non hai ninguén como o Burela.

Comentarios