A neve frea o novo Dépor de De la Barrera

Frío debut de Rubén De la Barrera como novo técnico do Deportivo, que non foi quen de pasar do empate ante o Salamanca (0-0), mesmo resultado do Compostela-Unionistas. Peor lle foi ao Coruxo, que caeu por 2-0 na casa do Zamora, e ao Pontevedra, que perdeu o derbi galego ante o Rácing de Ferrol por 1-0.
As condicións do céspede, xeado case na súa totalidade, dificultaron unha práctica normal do fútbol. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera As condicións do céspede, xeado case na súa totalidade, dificultaron unha práctica normal do fútbol. (Foto: RC Deportivo).

Un dos máis vellos tópicos do fútbol é ese de "a adestrador novo, vitoria segura". Mais, que pasa cando os dous equipos estrean adestrador, como foi o caso do Salamanca-Deportivo con Lolo Escobar e Rubén De la Barrera? Neste caso concreto, empate (0-0) e reparto de puntos que para o Dépor sabe a derrota e para os charros a triunfo, pois racharon cunha xeira de seis derrotas consecutivas.

Con este resultado os branquiazuis quedan instalados na terceira praza da clasificación, que podería ser a cuarta se o Celta B gañase o Guijuelo nun encontro que tivo que ser adiado a causa dos positivos en Covid-19 detectados no conxunto salmantino.

Sobre un terreo de xogo que parecía máis apto para a patinaxe sobre xeo que para o fútbol, os cambios do Deportivo de Rubén De la Barrera con respecto ao de Fernando Vázquez limitáronse ao aspecto táctico, deixando de lado a defensa de cinco característica do de Castrofeito para formar cun 4-3-3 que co paso dos minutos reconverteu nun 4-1-4-1 máis conservador que non tivo maior incidencia nun xogo tan pobre como condicionado polas circunstancias do céspede.

De feito, a pesar de que durante a primeira metade os coruñeses tiveron máis opcións, na segundo foi o fechacancelas quen se fixo co control do partido, tendo varias ocasións para bater Carlos Abad da man de Llorente, Molina e o ex deportivista Uxío da Pena.

O derbi, para o Rácing

A xornada 10 do subgrupo 1-A da Segunda División B deparou un interesante derbi galego entre Pontevedra e Rácing de Ferrol que caeu moi merecidamente do lado dos Diaños Verdes por un tanto a cero, que -a pesar da expulsión do veterano Álex López- puideron ser máis se o colexiado non anulase de modo incomprensíbel un gol perfectamente legal materializado por Joselu.

Tamén o Compostela callou un gran partido esta fin de semana, conseguindo un empate que mereceu ser triunfo na casa ante o líder Unionistas. O único debe dos de Yago Iglesias foi a súa falta de acerto cara á portaría contraria,  o maior escollo esta tempada no recentemente ascendido conxunto capitalino.

Lamentabelmente o Coruxo non correu a mesma sorte ante o Zamora, caendo derrotado por 2-0 nun campo que se atopaba nunhas condicións moi similares ás que padeceu o Dépor en Salamanca.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios