A historia dos deportistas Víctor Tasende e Alejandro Gómez completan os contidos

A negativa do CD Lugo a cambiar o nome do seu estadio para respectar a Memoria Histórica, no caderno 'Xogar'

A demanda da afección do Lugo para cumprir coa Lei da Memoria Histórica, a historia de superación do ciclista Víctor Tasende e un tributo ao atleta Alejandro Gómez nun dos seus momentos máis duros ocupan as páxinas do suplemento deportivo de Nós Diario. 'Xogar' tamén che ofrece artigos de opinión e unha mirada rápida á realidade do deporte galego na última semana
Capa Suplemento Xogar 09/07/2020
photo_camera Imaxe parcial da capa do caderno 'Xogar' desta semana (Foto: Nós Diario)

A Federación de Peñas do Clube Deportivo Lugo (CD Lugo) demanda a directiva o cambio do nome do campo de fútbol para respectar o articulado da Lei da Memoria Histórica. Os dirixentes rexeitan de pleno a modificación mentres a Xunta -propietaria das instalacións- prefire dar a calada por resposta. O xornalista Héctor Pena tentou falar coa Secretaría Xeral para o Deporte sen obter resultados.

Cómpre recordar que Anxo Carro foi un dos individuos máis importantes do franquismo na etapa inicial e máis dura da ditadura franquista. Con este tema ábrese o caderno 'Xogar' que sae publicado no papel mañá acompañando ao Nós Diario.

Poderás atopar o artigo íntegro esta quinta feira no noso suplemento deportivo. Estará a venda nos quiosques, librarías, tendas, gasolineiras ou na loja online. Tamén estará dispoñible na rede a partir de mañá.

A superación do deporte galego

Pola súa banda, Omar Bello fai un repaso a historia de superación do ciclista Víctor Tasende. En 'Unha catarse a pedais' conta o accidente que sufriu o rapaz cando se bañaba cuns amigos na piscina.

Os doutores falaban de tetraplexia a nivel cervical pero Tasende non só foi quen de se recuperar senon que pasou a ser un deportista de elite.

Na sección 'Quen fai que' repasamos os 50 anos do Obradoiro e a lea de chíos entre a saltadora Ana Peleteiro e Vox. Tamén falamos do regreso das traíñas á  Coruña. O caderno complétase coa historia en primeira persoa do atleta Alejandro Gómez, 'O galgo de Zamáns', no 'Selfie'.

As opinións dos xornalistas Alfonso Hermida e María Sabarís quedan para a lectura en 'Meta voante' e 'Pé a terra'.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Comentarios