Traiñeiras

Náutico de Ribeira, sétimas na regata feminina da Kontxa

Orio gaña por primeira vez a bandeira na categoría feminina desta regata, que leva disputándose desde 2008 e na que traiñeiras galegas gañaron en 5 edicións. Para a categoría masculina, na que se impuxo Hondarribia, non logrou este ano clasificarse ningunha representación da Galiza. 
traiñeira nautico ribeira Foto do Concello de Ribeira
photo_camera Foto: Concello de Ribeira

Orio meteu a bordo este domingo a bandeira da regata da Kontxa e conquista así o seu primeiro título na categoría feminina desta cita da elite das traiñeiras. A representación galega, Náutico de Ribeira, finalizou de sétima entre as 8 embarcacións en loita por esta bandeira, un posto por baixo do que logrou na primeira xornada, o domingo pasado, cando as barbanzás remataran sextas.

Na primeira quenda deste domingo, onde vogaba Ribeira, o ritmo imposto pola venceroa da mesma, Hondarribia, foi moi alto, competindo coa anfritrioa Donostiarra nunha loita entre as dúas traiñeiras gipuzcoanas na que nin as galegas nin Zumaia puideron meterse.

A clasificación final mostrou o dominio de Orio, cun tempo de 21:28:48, ficando as segundas, Arraun, a case 29 segundos de diferenza. Hondarribia foi terceira. Hibaika, Donostiarra, San Juan, Náutico de Ribeira e Zumaia completaron a clasificación.

A regata feminina da Kontxa leva disputánodse 11 anos, desde 2008. Galiza gañou en cinco ocasións esta bandeira, todas ellas coa traiñeira Rías Baixas e en catro das mesmas coa cabocrucense Laura Hermo como patroa.

Na regata masculina da Kontxa, que leva celebrándose 140 anos, non houbo este ano representación galega. Había moito tempo que o noso país non lograba clasificar algunha traiñeira para esta cita. Cabo de Cruz, Tirán, Mecos, Meira... son algunhas das embarcacións que saben o que é competir na regata máis importante do calendario. Hondarribia gañou esta edición.

Comentarios