Entrevista | París 2024

Natalia Vázquez, seleccionadora galega de parataekwondo: "É unha mágoa que non se coñeza máis este deporte"

A taekwondoin Natalia Vázquez (Boiro, 1995) compatibiliza as competicións absolutas coa dirección do parataekwondo nacional, modalidade practicada por persoas con diversidade funcional que considera "unha gran maneira de involucralas na competición nunha contorna segura".
A de Boiro é o actual bronce absoluto na súa categoría de peso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A de Boiro é o actual bronce absoluto na súa categoría de peso. (Foto: Nós Diario)

—A primeira pregunta é obrigada, porque moita xente non está familiarizada coa súa disciplina. Que é e en que consiste o parataekwondo? 
A competición no parataekwondo ten dúas modalidades, igual que no taekwondo convencional: combate e poomsae. Esta última foi na que participamos no recente Campionato de España, e que é semellante, para que todo o mundo poida facerse unha idea, ás catas no karate. É unha competición totalmente convencional, non se adapta nin o máis mínimo, e está ben darlle visibilidade porque adoita ter entre pouca e nada (ri).

—Cal é o perfil actual da persoa que practica o parataekwondo na Galiza actualmente? 
Hai un pouco de todo. Nós o equipo que temos agora mesmo na selección está formado por dúas persoas cunha lixeira discapacidade intelectual e outra cunha discapacidade neurolóxica, un señor ao que un ictus lle deixou un lado do cerebro paralizado con 25 anos e que acaba de gañar o Campionato de España hai unha semana con 57.

Así que agora mesmo temos esas tres competindo, o resto aínda non se animaron, pero estamos facendo forza desde a Federación para captar máis xente e promover isto, porque é unha mágoa que se coñeza tan pouco e que o practique tan pouca xente cando é unha gran maneira de involucrala nun deporte de competición desenvolto nunha contorna moi segura e que é moi ameno para todas.

—Que beneficios considera que lle pode achegar a esas persoas con discapacidade a práctica do parataekwondo? 
Máis que nada o acceso a unha contorna moi favorecedora. Desde a Federación Española, e especialmente desde a Andaluza, apostouse moito polo parataekwondo, creando ambientes súper seguros para as persoas practicantes, permitindo que se xunten cada ano en Málaga todas as que o practican nas distintas 'Territoriais' nunha sorte de convivencias.

Evidentemente, calquera deporte que fagan vai ser beneficioso para estas persoas, porque entendo que todas as federacións protexen as súas deportistas, pero sen dúbida aquí intégranse, non se aparta a ninguén, faise que sexan iguais a todas as demais, e iso é moi beneficioso. 

De feito, as tres deportistas que temos agora mesmo na Federación pertencen ao mesmo club, o Boiro, e o seu adestrador, Víctor Costado, coméntanos que ten unha clase con rapazada de todas as idades na que estas tres persoas están totalmente integradas, no marco dunha clase totalmente convencional.

—Como técnica de parataekwondo na Federación Galega de Taekwondo e responsábel da selección da Galiza no recente Campionato de España no que levaron medalla Francisco Rodríguez, Javier Fernández e Paula Treus, en que consiste o seu labor?
Basicamente, en apoiar e estar coas deportistas, porque veñen aprendidas da casa, xa que adestran todos os días. Nesa parte traen os deberes xa feitos, polo cal eu considero fundamental tranquilizalas. Por exemplo, as que teñen discapacidade intelectual hai que intentar que estean mentalmente aí nese momento, porque poden distraerse até cunha mosca, é moi fácil que perdan o fío, hai que darlles estímulos, reforzo positivo.

—Que a levou a dedicarse  ao parataekwondo?
Foi casual. Preguntáronme hai un tempo quen estaba disposto e dixen "adiante". E desde o primeiro campionato ao que fun pensei "isto é para min", pois resulta impresionante a emoción que sentes, non o podo nin explicar.

A "importancia" dos clubs no taekwondo

Ademais de técnica de parataekwondo na Federación Galega de Taekwondo e responsábel da selección da Galiza, Natalia Vázquez é unha competidora xa veterana a pesar da súa xuventude e no recente Campionato Galego absoluto demostrou o seu nivel facéndose cunha medalla de bronce defendendo as cores do Club Costado Taekwondo de Boiro.

Precisamente, e cuestionada pola actual xeración de talentos, que tan bos resultados está obtendo a nivel estatal e incluso internacional, Vázquez puxo en valor o "gran traballo de promoción" que veñen realizando eses clubs. Tamén destacou a "importancia" que supón que "desde a Federación lles deixen traballar, porque hai uns anos sempre querían meter máis a man, por dicilo así", e o "extraordinario nivel" da encargada de técnica na Irmandiña, Natalia Vázquez, a quen cualificou de "boísima".

Comentarios