“Nas traiñeiras xa non val só con vogar con forza, hai que vogar con xeito”

Eloy Figueira (Rianxo, 1987) é un dos remeiros de Vilaxoán, unha embarcación que aspira a deixar pegada esta temporada na Liga Galega. Con 15 anos de experiencia no remo (máis da metade da súa vida) salienta o nivel que se está a acadar en Galiza. 

TRaiñeira de Vilaxoán remo

Eloy Figueira Martínez non cumpriu aínda os 30 anos, ten 28, e xa acumula 15 de experiencia no remo de banco fixo. Máis de media vida vogando. Desde o batel rianxeiro onde comezou (compartindo tripulación con rapazas) cando apenas tiña 13 anos até a traiñeira de Vilaxoán onde desembarcou nesta temporada. No medio, o seu paso polas traiñeiras de Amegrove, Rianxo, Pontejos (Cantabria) para recalar esta campaña na embarcación vilaxoanesa. 

Vilaxoán ocupa o terceiro posto na clasificación da Liga Galega de Traiñeiras-A, tras Samertolameu de Meira e Amegrove. É unha embarcación na que para esta temporada están postas moitas olladas, cun novo adestrador (o meco Fran González, cunha traxectoria das de quitar o hipo) ilusionado e ilusionante, e cunha tripulación na que se suma bo produto da canteira e reforzos como os 3 vogadores de Rianxo, entre eles Eloy, que chegaron nesta campaña.

Como estás a ver este arranque da temporada de traiñeiras?

Vexo a Meira moi forte e tamén a Amegrove. A verdade é que foi un pouco unha sorpresa que o outro día lle gañasen a Meira. Tamén Mugardos está a ir ben. Canto a Vilaxoán, este equipo que temos é de primeiro ano, é a primeira temporada que vogamos todos xuntos polo que estamos, en certa maneira, acoplándonos uns aos outros. Pero queremos ir a máis e estamos indo a máis, cada vez estamos mellor. Eu conto con gañar algunha bandeira.

Sorprendeuvos un pouco o arranque de Mugardos, traiñeira á que moitos sinalan como competidora directa vosa?

Desde o principio, xa na pre-temporada, viamos que esa traiñeira ía andar forte, teñen veteranía e calidade. Levan unha progresión desde hai dous, tres anos moi boa.

"Cando eu comecei a vogar, aínda se facía con remos de madeira. Non chegara a fibra de carbono"

Vilaxoán ten esta temporada un novo adestrador, nin máis nin menos que Fran González (responsábel do Clube de Remo Mecos na época dourada co clube, 1996-2004. Ascendeu a Mecos e Tirán á Liga ACT e conquistou un 3º posto na emblemática regata da Concha).

Sorprendeume gratamente adestrar con el. Tíñanme falado del como dunha persoa moi exixente. E a verdade é que eu estou contentisimo. Adestras moito e duro, certo, pero adestras ben. Ademais é unha persoa que ten ideas, que sabe levarte, transmitirche como hai que facer, como pensa que deben ser as cousas...

Hai un bo nivel na Liga Galega de Traiñeiras?

Hai. Na categoría A (compiten 8 embarcacións), vexo como dous bloques: os catro de arriba (Samertolameu de Meira, Amegrove, Vilaxoán e Mugardos) e os catro de abaixo (Ares, Pobra, Chapela e A Cabana), mais sen que entre eles haxa un abismo. E despois, dentro de cada un deses bloques, tamén hai bastante igualdade entre as diferentes traiñeiras.

"Eu conto con que esta temporada Vilaxoán gañe algunha bandeira"

E se comparamos con outros territorios?

Son diferentes. Eu remei na liga galega e na vasca (vogou en Pontejos, traiñeira cántabra que competía na liga vasca) e son cousas distintas. A nivel simplemente do que é unha regata, alí está moito máis organizado, fan a competición máis vistosa... Tamén hai que ter en conta que alí hai moita máis afección que aquí.

Con 15 anos de experiencia no remo ás costas, cres que cambiou moito este deporte?

Cando eu empecei a vogar aínda o faciamos con remos de madeira, agora xa son de fibra de carbono. É un exemplo de como evolucionou e se fixo máis profesional. Na parte técnica houbo moita evolución, moita. Cada vez é máis importante. Antes vogar nunha traiñeira era ‘tirar do pao’, remar con moita forza e xa estaba. Agora non, xa non val só con remar, hai que facelo ao xeito.

Comentarios