Narón entra por primeira vez no circuíto das carreiras populares

O Club Atletismo Narón organizará unha carreira popular no seu municipio o vindeiro 9 de abril. Desde a entidade deportiva agardan que esta proba se consolide co tempo. 
Rebeca Soto,  Andrés García, Marián Ferreiro e José Oreona (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rebeca Soto, Andrés García, Marián Ferreiro e José Oreona (Foto: Nós Diario).

A localidade de Narón (Ferrolterra) contará por primeira vez cunha carreira popular 10K o vindeiro 9 de abril.

O evento deportivo, incluído no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo (FGA), presentouse esta terza feira na Casa do Concello nun acto en que se informou das súas particularidades e no que participou a alcaldesa, Marián Ferreiro e membros da organización.

Preparada polo Club Atletismo Narón, a proba, con categorías absolutas de dez e cinco quilómetros, terá a saída e a meta no pavillón polideportivo municipal da Gándara.

O comezo da primeira quenda será ás 10 horas. Entre elas están a Sub-18, cun tramo de 5.000 metros; a Sub-16, de 2.500 metros; a Sub-14, masculino e feminino, de 1.500 metros; a Sub-12, masculino e feminino, de 800 metros; a Sub-10 masculino e feminino, con 600 metros; e para fechar un tramo de 150 metros e saída sobre as 13.15 horas. Ademais, haberá categorías Sub-20, Sub-23,

Sénior e Máster. Desde o Club de Atletismo Narón aseguraron que se trata dun circuíto “moi rápido” e agradeceron a colaboración do Concello de Narón para a súa preparación. Ademais, recoñecen afrontar “con ilusión” esta carreira cun circuíto que agardan “se consolide”. 

Un club con máis de trinta anos de historia

O club naronés leva máis de trinta anos promocionando o atletismo na comarca. Comezou a súa andaina en 1988 e xa en 1991 aparecen deportistas da entidade en campionatos estatais de categoría cadete.

Anos máis tarde chegarían os primeiros éxitos a nivel estatal con campións e medallas individuais en distintas disciplinas e categorías. En menos de dez anos de existencia, o club alcanzaría a primeira división co seu equipo feminino absoluto. 

Pola entidade, pasaron nomes do atletismo como Belén Toimil, Alessandra Aguilar, Javier Gómez Noya, Iván Raña, David Martínez Varela, Samuel Paz, María Romero, José Cendán ou María José Gregorio.

Comentarios