Sobre un duelo futebolístico que xa está na historia

Nada é imposíbel

Este lema (Impossible is Nothing) dunha coñecida marca de prendas e calzados desportivos é falso, mais é bonito. É encoraxador. Levanta ánimos. Sobre el se constrúen soños. Mobiliza enerxías. Como acostumaba dicer Nelson Mandela, "todo é imposíbel até que se fai".

FCB
photo_camera Sergi Roberto, após marcar o gol decisivo, festexa a proeza cos seus compañeiros

Era imposíbel que o Barça remontase o 4-0 de París porque nunca acontecera tal cousa nas competicións continentais.

Era imposíbel que o Barça marcase tres goles nos últimos sete minutos de xogo, necesarios para chegar ao 6-1 que noquease o PSG.

Era imposíbel, mais aconteceu. Impossible is Nothing. Nada é Imposíbel.

O espírito humano -e a coraxe, e os músculos a se espremeren até o último átomo de enerxía- é capaz de producir estes espectáculos, que no caso do futebol adquiren carácter de metáfora, o combate singular do que falaba Tom Wolfe en Elegidos para la Gloria-The Right Stuff (a epopea ficcionada sobre os primeiros cosmonautas estadunidenses na conquista do espazo). 

Imposíbel non ver na xesta blaugrana unha parábola, unha alegoría sobre a capacidade humana de se sobrepor ás adversidades e de as vencer

Imposíbel non ver na xesta blaugrana unha parábola, unha alegoría sobre a capacidade humana de se sobrepor ás adversidades e de as vencer. Con traballo. Con destreza. Con criatividade. E, si, cun chisco de azar (e, aínda, with a little help of the referee, a fortuna ás veces apreséntase sob a forma dun árbitro benefactor, ese é un elemento do xogo que ás veces te pune e ás veces te sorríe).

Si hai cousas imposíbeis (por exemplo, que o capitalismo distribúa xustamente as riquezas e que abola as guerras; por exemplo, viaxar no tempo ao pasado -Stephen Hawking asegura que si é posíbel viaxar ao futuro) mais nun campo de fútebol ás veces temos a sensación de que non hai fronteiras infranqueábeis, de que todo pode acontecer, o que é fermoso, o que parecería demostrar (gostamos de crer niso) que non hai empresas irrealizábeis, que podemos gavear e tomar calquera outeiro.

Aprendamos unha cousa do espectáculo do Camp Nou: nunca hai que se dar por vencidos, se a causa é xusta hai que apertar os dentes e non desfalecer. Hai que teimar. Teimar mentres un se manteña de pé.

Comentarios