Valioso empate nun choque sen brillo en Eibar

Na súa estrea en Primeira, Francis deixa a cero a portería do Dépor

18 anos. Nixeriano. Fabrilista. E desde este domingo futebolista de Primeira División. Francis debutou este domingo en Eibar e resolveu con solvencia a papeleta. Un partido inesquecíbel para el, mais sen nada máis para a lembranza. O Dépor cazou un ponto no sempre difícil Ipurúa cun xogo manifestamente mellorábel.

Screen Shot 2017-10-15 at 14.38.30
photo_camera Francis, co 26 ás costas, forma co resto dos seus compañeiros ao comezo do encontro

A solvencia de Francis ao que os nervos da estrea apenas lle duraron cinco minutos, algunhas faiscas isoladas de talento combinativo de Çolak e Cartabia, a consabida pelexa (desta volta sen ver porta) de Andone, o pundonor de Luisinho... 

Isto é todo? Si, iso é todo. E con tan pouco o Dépor deu contido o Eibar, rival directo na loita pola supervivencia na elite, nun partido con exceso de centrocampismo e escaseza de enxeño por parte de ambas escadras. Só Çolak deu filtrado algún balón por detrás dos centrais vascos. Pouca bagaxe para sumar os tres pontos.

O Dépor estivo algo máis intenso e nomeadamente mellorou a concentración na liña defensiva. Bastou non regalar segundas xogadas ao Eibar para Francis safar na súa estrea. Ben, pode ser o comezo de algo. Quer dunha brillante carreira profisional do gardamallas quer dunha vida máis confortábel da equipa galega na Liga. Blindar a zaga -até agora excesivamente vulnerábel- é conditio sine qua non para aspirar a gavear pola táboa. 

Si hai algúns elementos para a esperanza. Sidnei parece estar de volta e o traballo de contención da dupla Guilherme-Borges é irreprochábel. O que cabe agardar é que vaia habendo máis futebol conforme Lucas deixe atrás as molestias físicas e alcance a velocidade de cruceiro. O plantel tamén agarda o retorno en condicións de Adrián e, nomeadamente, de Carles Gil, non só de Çolak pode viver a criatividade do combo coruñés.

Francis, o segundo gardamallas do Dépor máis novo en debutar na elite

O xogo de Ipurúa, en todo caso, xa figura na historia do Dépor ao ser o da estrea na Primeira División do segundo gardamallas branquiazul máis novo en chegar á cimeira do futebol profisional. Francis, con 18 anos e 352 días, apenas é superado nesta clasificación histórica por un dos grandes mitos do deportivismo, o lendario Juan Acuña, quen debutou con 18 anos e 227 días.

SD Eibar: Dmitrović, Capa, Oliveira, Ramis (Lombán min. 70), Juncà (José Ángel, min. 70), Jordán, Escalante, Dani García, Arbilla, Kike García (Charles, min.85) e Enrich.

RC Deportivo: Francis, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Celso Borges, Guilherme, Fede Cartabia (Bakkali, min. 83), Fede Valverde (Borja Valle min. 75), Çolak (Lucas, min. 87) e Andone.

Árbitro: Jaime Latre (C. Aragonés). Amonestou Arbilla (min. 38), Dani García (min. 56), Çolak (min. 56) e Borges (Min. 79)

Incidencias: Partido da 8ª xornada da liga, disputado en Ipurua ante 5.125 persoas.

Comentarios