Mushing, o deporte que depende do clima, olla agora cara á fin da pandemia

Os deportes de inverno prepáranse para iniciar as competicións en novembro, se as condicións climáticas acompañan. É o caso do Mushing e as súas modalidades. Nós Diario fai un achegamento a esta disciplina pouco visibilizada que deu moitas alegrías á Galiza en probas nacionais e internacionais.

Competición de Mushing (Kennel DEN).
photo_camera Competición de Mushing (Kennel DEN).

Os deportes de inverno están quecendo de cara a unha nova tempada. Entre eles o Mushing, un deporte que se practica na montaña e que implica desprazarse axudado por cans. Máis concretamente, implica o uso dun ou máis cans para tirar dunha zorra na neve ou un aparello en terra seca que pode ser carcasa, patín, bicicleta ou bicicleta. 

Após unha tempada "anómala" como a pasada, como consecuencia da pandemia, a Federación Galega de Deportes de Inverno anunciou o calendario para a liga galega que se iniciará en Vilagarcía de Arousa (28 de novembro) para seguir en Nigrán (20 de febreiro) e Rois (6 de marzo). O Campionato da Galiza realizarase en dúas localidades: a primeira será Boborás (19 de decembro) e a segunda terá lugar na Estación de Montaña de Manzaneda (13 de marzo).  

O deporte que naceu dunha necesidade

Óscar Piñeiro, oito veces medalla de ouro a nivel estatal, seis de prata e unha de bronce, conta a Nós Diario como naceu este deporte e as súas modalidade. "Xurdiu pola necesidade de transportar que había en territorios con neve e pouco a pouco, coa competencia entre transportistas, rematou por crearse como deporte", relata. Despois virían as diferentes modalidades que se dividirían segundo se practicasen en terra ou en neve.

"Nas primeiras temos o Canicross, que é correr cun can; o Bikejoring sería con bicicleta; hai con patín, neste caso con un ou dous cans; o DR4, un triciclo con catro cans; e os DR6 ou DR8 que é un cuatriciclo con seis ou oito cans", indica, "e na neve estaría o Canicross, só aceptado a nivel estatal; o Skijöring, con esquí de fondo máis o can; a Pulka, cunha estrutura que se leva entre can e esquiador; e por último as zorras, que poden levar diferente número de cans", completa.

Nova tempada

O cambio climático está a afectar a este deporte e as competicións comezan cada vez máis tarde. "Tivemos tempadas en que outubro viña con moito sol polo que se decidiu por atrasar o seu inicio", explica a Nós Diario Mónica Touriño, catro veces campioa de España, actual subcampioa e presidenta do Kennel DEN, o club que organiza a proba en Vilagarcía.

A tempada pasada só se realizaron o campionato galego e o de España e nesta xa se anunciou a anulación dun internacional aínda que se mantivo outro no mes de abril. A federación aínda non conta con datos de participantes e persoas federadas nas diferentes categorías mais Touriño apunta que, tendo en conta as probas anteriores, poden contabilizarse entre 70 e 90 saídas por proba.     

Os adestramentos

"Eu compito en Canicross e prepárome como se fose atletismo, con series de 400 metros, máis o momento en que me engancho co can", asegura Touriño, "sempre coidando que non faga moita calor ou exceder as distancias segundo o regulamento que temos para os cans", engade. O animal é moi importante neste deporte. "Temos que facer que o pasen ben, que queden con ganas de correr", indica. Cando se emprega a bicicleta, o adestramento varía, da mesma maneira que cando se emprega o patín. 

Para esta galega, que conseguiu na durante a súa traxectorias sete medallas de ouro, dúas de prata e unha bronce, deberíase ter máis en conta o papel dos cans como acontece en deportes como a hípica. "Eu non conseguiría os meus éxitos sen Nepal, os dous fixemos un mundo e unha combinación que é básica", asegura e pon como exemplo a súa resposta en competicións onde ten que correr con outro can. "É un equipo de dous, debería terse en conta e é unha mágoa que quede nun rexistro para o futuro". 

Sobre o porvir deste deporte ten moitas expectativas. Algunhas pasan por darlle máis visibilidade e participación "entre as rapazas e os rapaces para que se animen" e, se cadra, "aumentar as competicións en categorías inferiores". Veremos esta tempada se o clima acompaña e as condicións sanitarias tamén para poder desenvolver as probas coa mesma regularidade doutros anos. 

Comentarios