Músculos galegos para tirar por remos vascos e cántabros

Seis das doce traiñeiras que compiten na elite do remo, a Liga ACT, teñen galegos no seu plantel embora nesta competición só unha embarcación sexa de Galiza: Cabo de Cruz. Moaña lidera a táboa da orixe dos remeiros galegos a suar na bancada de clubs de Cantabria e Euskal Herria.

Xa vai quedando menos para o inicio dunha nova tempada de traiñeiras, cita marcada no noso país pola LGT, Liga Galega de Traiñeiras, e no norte do Estado pola Liga Euskal Label ou ACT, onde compiten a 'elite’ das embarcacións. Nesa exixente competición esta tempada haberá unha única representante galega, Cabo de Cruz, após o descenso de Tirán.

Mais a presenza de remeiros galegos vai máis alá da embarcación galegas. Este ano haberá vogadores de Galiza en 6 das 12 traiñeiras que fan parte da ACT: na galega, na cántabra de Astillero e nas vascas de Kaiku, Santurtzi, Ziérbana e Urdaibai, a vixente campioa. Un total de 19 remeiros galegos competirán na liga San Miguel facendo parte de planteis de clubs non galegos.

Na traiñeira de Cabo de Cruz  a totalidade dos seus remeiros son galegos e a gran maioría saídos da canteira. Todo un mérito e unha proeza no mundo do remo actual. A embarcación non galega da ACT con maior número de vogadores de Galiza é Astillero, con 5 remeiros: tres de Ferrol, 1 de Muros e 1 de Moaña.

Kaiku, Urbaibai e Ziérbana teñen 4 remeiros galegos cada unha, mentres que a traiñeira de Santurtzi ten 2.

Deses 19 galegos que poñen suor e músculo a competir en bancadas de traiñeiras non galegas os de Moaña son os máis numerosos, pois representan 4. Nada a nos estrañar vista a gran tradición que hai nesta vila  polo remo e con dous clubs, Tirán e Meira, que figuran entre os clásicos do noso país. De Ferrol hai tres remeiros enrolados en clubs non galegos da ACT. O mesmo número que do Grove, mentres que de Bueu, Vigo e Esteiro hai 2. De Muros, A Pobra do Caramiñal e Boiro hai un.

En tempadas anteriores, a cota galega en traiñeiras foráneas era menor á que se rexistra na actual: 14 vogadores en 2017 e 17 en 2016. 

Comentarios