A Muralla de Lugo e a neve foron as protagonistas de O Gran Camiño

Inicio da proba ciclista en Lugo, con saída na Muralla Romana, que rematou a quince quilómetros da meta, en Sarria, polas malas condicións climatolóxicas.
Efrén Castro con Delio Fernández e Jonas Vingegaard (Foto: Nós Diario).
photo_camera Efrén Castro con Delio Fernández e Jonas Vingegaard (Foto: Nós Diario).

A cidade de Lugo, coa súa muralla como protagonista, deu onte a saída á primeira etapa da volta ciclista O Gran Camiño.

Coa ollada posta no parte meteorolóxico, o inicio prometía cunha saída neutralizada na que os corredores deron unha volta simbólica á Muralla.

Ademais, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o deputado de Deportes, Efrén Castro, antes, entregaban un caravel e unha lámina conmemorativa do Día de Rosalía de Castro aos cinco ciclistas galegos participantes e o danés Jonas Vingegaard, actual campión do Tour de Francia e gran reclamo desta volta galega. 

Xa na estrada, a neve que caía en Sarria obrigou a ter que suspender a etapa cando faltaban quince quilómetros para a meta.

O pelotón neutralizou unha escapada de nove ciclistas uns minutos antes da suspensión.

Agora o comité de carreira terá que decidir se manteñen as bonificacións dos ciclistas que lideran a clasificación nos pasos por puntos (camisola verde) ou de coroar portos (camisola negra).

Os tempos de onte, ao quedar cancelada a etapa, non se terán en conta para a volta.

Comentarios