As ONG exixen compensar as familias dos 6.500 traballadores mortos polo Mundial en Qatar

Sete de cada dez persoas que seguirán por televisión a Copa do Mundo cren que a FIFA e o Goberno qatarí deben reparar os danos causados.
O presidente da FIFA, Gianni Infantino, e o emir de Qatar, Tamim bin Hamad Al Thani, durante o sorteo da fase de grupos do Mundial. (Foto: Christian Charisius / DPA)
photo_camera O presidente da FIFA, Gianni Infantino, e o emir de Qatar, Tamim bin Hamad Al Thani, durante o sorteo da fase de grupos do Mundial. (Foto: Christian Charisius / DPA)

Unhas 6.500 persoas traballadoras faleceron en Qatar, durante a construción de instalacións deportivas, desde que a FIFA elixiu o país asiático como sede da Copa do Mundo que comezará o próximo mes de novembro. Son estimacións do xornal británico The Guardian, se ben a cifra real podería ser moito maior, mais o Goberno qatarí négase unha e outra vez a ofrecer os datos.

Amnistía Internacional comprobou diferentes certificados de defunción de traballadores migrantes —procedentes principalmente da India, Bangladesh, Nepal, Sri Lanka e Pakistán—, e a maioría deles tiña entre 30 e 40 anos de idade cando finou por mor das extremas condicións laborais.

"Tiña que estar sentado baixo o sol durante moito tempo. Creo que tivo un ataque ao corazón pola sequidade e a calor, porque nunca ouvira nada de que estivese enfermo", sinalou a esta organización unha muller, Bumishara, esposa dun dos falecidos nos traballos, Yam Bahadur.

Esta terza feira, cando restan dous meses para que bote a rodar a pelota, o Observatorio dos Dereitos Humanos (HRW, polas siglas en inglés) vén de instar os patrocinadores e socios corporativos da FIFA a "exerceren presión" sobre o Goberno qatarí para que conceda senllas indemnizacións ás familias das vítimas e a todo traballador que sufrise lesión algunha ou sufrise o roubo do seu salario.

"As marcas compran os dereitos para patrocinar a Copa do Mundo porque queren ser asociadas coa alegría, a competencia leal e os espectaculares logros humanos no campo de xogo, e non co roubo desenfreado de salarios e a morte dos traballadores que fixeron posíbel o Mundial de fútbol", apunta Minky Worden, directora de Iniciativas Globais de HRW.

Dos 14 socios da FIFA nesta competición, precisa a ONG, só catro apoiaron esta medida: Budweiser, Adidas, Coca-Cola e McDonald's, mentres as dez restantes decidiron non pronunciarse ao respecto. Son Byju's, Crypto, Hisense, Hyundai-Kia, Mengniu, Qatar Airways, Qatar Energy, Visa, Vivo e Wanda Group.

Unha enquisa de Amnistía Internacional, na que participaron máis de 17.000 persoas residentes nunha quincena de países, recolle que sete de cada dez espectadores do Mundial (72%) cre que os traballadores deben ser compensados polo sufrimento ocasionado e que é responsabilidade da FIFA instar Qatar a facelo.

A organización que regula as competicións de fútbol a nivel mundial, segundo outro informe da mesma ONG, non levou a cabo "ningún procedemento de debida dilixencia" en materia de dereitos humanos cando designou Qatar como sede da Copa do Mundo, "a pesar de que os riscos para os traballadores estaban amplamente documentados".

"Non hai nada que Qatar ou a FIFA poidan facer para reparar a perda dun ser querido. Porén, unha compensación económica para as familias que enfrontan dificultades a causa da morte de traballadores migrantes podería blindar un certo grao de alivio financeiro e, posibelmente, reducir os danos a longo prazo", sinala Nick McGeehan, director e fundador de FairSquare, entidade que investiga os abusos laborais contra migrantes.

Comentarios