Mundial de fútbol na Galiza? Vigo oficializa o seu desexo de acoller o torneo

A Coruña tamén quere estar entre as 11 sedes escollidas.
Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)
photo_camera Balaídos, o campo de fútbol do Celta de Vigo, terá que aumentar a súa capacidade até os 43.000 asentos. (Foto: RCCelta)

O Concello de Vigo confirma que xa enviou a documentación "completa e definitiva" para que o Estadio Municipal de Balaídos opte a ser sede do Mundial de Fútbol 2030 no marco da candidatura conxunta que están a desenvolver a Real Federación Española de Fútbol e a Federação Portuguesa de Futebol.

Tal como informou en rolda de prensa o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, no envío inicial faltaban unha serie de follas relativas "ás competencias autonómicas", polo que agora xa se puido remitir o conxunto de papeis necesarios.

O rexedor explicou que entre estes documentos están recollidas a garantía das prazas hostaleiras esixidas na cidade, as actuacións e plans de tráfico na urbe, a restauración, a seguridade ou a reforma do propio estadio.

Neste sentido, indicou que, a pesar de que as bases estabelecen unha capacidade de polo menos 40.000 persoas, os organizadores tamén solicitan a reserva de 3.000 asentos, polo que serán necesarias no novo Balaídos unhas 43.000 prazas.

Ademais, Abel Caballero aproveitou para volver cargar contra a Xunta da Galiza e o Real Club Celta de Vigo, subliñando que foron a Deputación de Pontevedra e o Concello olívico os que "pagaron" a reforma de Balaídos, mentres que a Xunta e o club puxeron "cero euros".

A Coruña tamén reformará Riazor pensando na Copa

A outra cidade da Galiza con opcións de ser sede da Copa do Mundo é A Coruña. Riazor é un dos 15 recintos que aspiran a ser un dos 11 escollidos para albergar o torneo, pero, como Balaídos, ten o hándicap de que na actualidade non chega ás 43.000 localidades mínimas esixidas, pois só conta con 35.000.

No pasado mes de xuño a alcaldesa herculina, Inés Rey, explicou que o proxecto terá un custo de aproximadamente 20 millóns de euros. Ese prezo incluirá unha ampliación das bancadas de Tribuna e Marathón, reintegrando a famosa torre homónima na estrutura do estadio, da que foi excluída na reforma do ano 1998.

Ademais, a intención do Concello é baixar a altura do terreo de xogo, o que permitiría crear máis asentos, así como mellorar na accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, unha das eivas do campo coruñés.

Comentarios