As mulleres deportistas, nun segundo plano nas redes sociais

Un estudo que analiza a presenza e o impacto dos e das deportistas galegas en Twitter e Instagram revela que as mulleres son menos seguidas e teñen menos engagement, é dicir, interaccións, que os seus homólogos masculinos.
 
Peleteiro é, con moito, a atleta do país con maior relevancia en Twitter e Instagram. (Foto: EP).
photo_camera Peleteiro é, con moito, a atleta do país con maior relevancia en Twitter e Instagram. (Foto: EP).

A cousa pode parecer frívola, mesmo intranscendente a ollos das afeccionadas máis puristas. Hai que facer un esforzo e ser quen, por un momento, de quitar dos ollos a óptica da realidade do século XX na que moitas medramos para poder analizar con plenitude un fenómeno que resulta de vital relevancia para as deportistas.

Porque, como revelou nestas mesmas páxinas de Nós Diario a atleta Desi Vila, unha das raíñas na compatibilización do deporte coa comercialización da imaxe de marca, na maior parte das disciplinas os réditos económicos que se xeran "non dan para vivir, polo que hai que compatibilizalas con outras cousas".

Mais, que son esas "outras cousas"? Na maioría dos casos, ademais dun traballo no sentido convencional do termo, trátase de conseguir o apoio de patrocinadores privados, e chegar a conseguilos pode ser a diferenza entre poder seguir practicando un deporte ou non. Para acceder a esas empresas, o principal vehículo co que contan os e as atletas, ademais do seu rendemento, son as redes sociais, un ámbito no que, tamén, as mulleres levan as de perder.

A excepción, Ana Peleteiro 

O informe, elaborado pola axencia weTALK, revela que tan só Ana Peleteiro compite de ti a ti no eido das redes sociais cos deportistas masculinos. As súas 28.376 seguidoras en Twitter e 116.364 en Instagram, aínda que lonxe dos grandes nomes do fútbol como Lucas Vázquez ou Denis Suárez, quedan por diante doutros do nivel de Gómez Noya, Alberto Abalde ou Pola.

De feito, as únicas modalidades nas que a presenza feminina é maioritaria, a pesar dos éxitos recentes das mulleres galegas en deportes como o fútbol sala ou o balonmán, son o voleibol, a natación e a vela, e individualmente a única que ten un impacto forte é a internacional de volei Sara Folgueira (33.100 seguidoras), quen no seu perfil de Instagram exhibe ben visíbel o nome da empresa que a patrocina como deportista.

As redes, un termómetro do interese: as federacións aínda non explotan o ciberespazo

Deixando a un lado o deporte rei, que por volume de seguidores total é o que máis interese crea entre o gran público, o informe de weTALK mostra con claridade que no eido federativo galego se está a producir unha adaptación a dúas velocidades. 

Así, se os organismos responsábeis de deportes como o surf ou a hípica están apostando firmemente polas potencialidades que ofrecen as redes sociais, outras como as de tiro con arco apenas contan con seguidores por limitarse a rechouchiar o perfil da súa homóloga española, ou por non realizar publicacións desde hai meses ou anos, como é o caso dunha tan potente e que conta con tantas practicantes na Galiza como é a de vela.

Colectivamente, a estratexia máis exitosa semella ser a da Federación Galega de Balonmán, que apostou por un sistema dual no que, mentres que en Instagram aproveita as características propias desa rede, outorgando máis peso ás fotografías de encontros e equipos do país, en Twitter publica información puntual sobre actualidade e horarios dos distintos partidos. 

Comentarios