Decorre en Muimenta a IV Festa dos xogos tradicionais Xotramu

A cita cos xogos tradicionais terá lugar o domingo, 3 de xuño, no recinto feiral da Moexmu de Muimenta, con máis de 120 xogos, competicións, artesáns e exhibicións.
Xogos tradicionais
photo_camera Xogos tradicionais

Esta edición de Xotramu dará cabida a xogos rurais e tradicionais galegos, así como tamén doutras culturas próximas á nosa como unha especial representación de xogos asturianos, portugueses e vascos. Tamén haberá un campionato internacional de tiro de corda, unha competición de bolos e de chave, o aberto de billarda que este ano será disputado en dúas pistas, obradoiros de construción de enredos, exposición de xoguetes tradicionais, xogos para crianzas e, como novidade, acollerá unha exhibición de buxainas a cargo de Manolo “Charrancas”, unha competición de arrebolamento de sacho e unha carreira de rolos de herba.

Este ano poderanse ver máis de cento vinte xogos diferentes

Colaboración da Deputación de Lugo
Na presentación da edición deste ano participou o vicepresidente da Deputación e responsábel da Área de Deporte e Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo,  Manuel Vila, Xosé Lombardero e Sofía Rodríguez Crecente, membros de Xotramu e que colaboran intensamente nas tarefas de organización do evento. Antonio Veiga, na súa intervención, destacou que “desde a Vicepresidencia sempre tivemos claro o noso deber de apoiar os colectivos que cos seus medios desenvolven un traballo como Xotramu, sobre todo na súa énfase de cara a desenvolver a promoción e recuperación dos nosos xogos tradicionais porque forman parte do noso patrimonio cultural, material e inmaterial, de Lugo e do país.

Pola súa banda, Manuel Vila, presidente de Xotramu, quixo agradecer o apoio indispensábel da Área de Cultura da Deputación para a organización do evento e destacou que, após o rotundo éxito das pasadas edicións, se estabeleceu definitivamente que cada primeiro domingo de xuño Muimenta conte con esta festa dos xogos tradicionais en que este ano se poderán ver máis de cento vinte xogos diferentes.

Comentarios