Mouriño: "Doe ver onde está o Deportivo"

O presidente do Celta desexa que o seu eterno rival regrese á elite
Carlos Mouriño participou dun foro no que compartiu palestra coa olímpica Sofía Toro e a empresaria Carmen Lence. (Foto: RC Celta).
photo_camera Carlos Mouriño participou dun foro no que compartiu palestra coa olímpica Sofía Toro e a empresaria Carmen Lence. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo non só é noticia polo xuízo ao que está a ser sometido en Almería unha das súas estrelas, Santi Mina. Ao mesmo tempo que o dianteiro comparecía ante o tribunal, o presidente celeste, Carlos Mouriño, protagonizaba unha palestra na que abordou varios puntos de interese sobre o presente e o futuro non só da escuadra olívica, senón do conxunto do fútbol galego.

O IV Foro EFE Sport Business Days estivo nesta ocasión protagonizado, ademais de polo máximo mandatario do Celta, Carlos Mouriño; por Sofía Toro, campioa olímpica e actual xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte; e por Carmen Lence, vicepresidenta do Breogán de baloncesto e conselleira delegada do grupo Leite Río.

No foro, apenas días despois de que o Celta B superase o primeiro equipo do seu eterno rival, o Real Club Deportivo da Coruña, Carlos Mouriño afirmou que para el "doe moito" ver o conxunto branquiazul nunha situación como a que padece desde hai varios anos, apostilando que "por historial, merece estar en Primeira" e que "sería bo para a Galiza que estivese competindo connosco".

Tamén confirmou que Luís Campos será o novo director técnico do club cando dixo que a fórmula pola cal o descubridor de Mbappé compatibilizará o cargo con outros postos similares en clubs estranxeiros será "novidosa", pero "dará resultados extraordinarios". 

Con respecto ao centenario da entidade, que se celebrará o próximo ano, Mouriño puxo os pés na terra e desbotou a posibilidade de levar a cabo investimentos desorbitados en fichaxes de estrelas: "Sempre temos unha máxima, que é a estabilidade. Sabemos até onde pode chegar o noso equipo, e sempre dixen que prefiro estar dez anos en Primeira que non un en Europa. A partir de aí, estamos dispostos a ser ese equipo que pode entrar en Europa, pero non faremos un bloque pensando niso, porque non seríamos capaces, o orzamento é o que é".

O líder dese proxecto do centenario, máis ou menos ambicioso, será de novo -se nada se torce- o Chacho Coudet, sobre quen o presidente celeste dixo que  é un técnico "con alma, actitude e estilo Celta". 

Novo protocolo Covid no fútbol

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) vén de informar nunha circular a todos os clubs de fútbol que, logo das últimas medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade e as consellarías de Saúde dos distintos territorios, os compañeiros de positivos nun equipo xa non terán a consideración de "contacto estreito" salvo en casos "de vulnerabilidade" e cando exista "sospeita fundada" de gromo.

Ademais, tamén se modifican os criterios para os adiamentos de partidos que se adoptaron a raíz da irrupción da pandemia, polo que o mínimo de futbolistas dispoñíbeis para evitalos deixan de ser "13 entre o primeiro e segundo equipo cun mínimo de cinco profesionais" para recuperar os sete que esixía o artigo 223 do regulamento até 2020.

Esta nova chega o mesmo día en que o Real Madrid, rival ligueiro do Celta o sábado en Balaídos, fixo público nun comunicado que o seu adestrador, o italiano Carlo Ancelotti, dera positivo en Covid-19, polo que non se desprazará até a cidade olívica e será o seu fillo e axudante, Davide, quen dirixa os brancos en Vigo.  

Comentarios