Mouriño anuncia que o Celta marcha de Vigo para facer un estadio noutro concello

 “Non nos imos, bótannos”, afirma o presidente do club, que acusa o alcalde vigués da situación.

Mouriño

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, anunciou a marcha “irrevocábel” de Vigo, a cidade onde o club se fundou en 1923. Un paso que levará o Celta a construír noutro concello da contorna [soa con forza Mos] un novo estadio, ao que destinarán 50 millóns de euros, e unha cidade  deportiva, outros 20 millóns. Adeus, logo, a Balaídos, a casa do Celta e do celtismo desde 1928 e que aparece en non poucos himnos celestes e en cancións que xa son de acervo popular: “Ao entrar en Balaídos / díxolle o sobriño ao tío”, comezaba a ‘Foliada do Celta’, da Roda. A sede do club, porén, permanecerá en Vigo, indicando que a sede no Príncipe inaugurarase en breve.

O presidente do Celta cargou contra Abel Caballero e afirmou que ao longo destes oito anos non logrou avance ningún para chegar a un acordo. “Non nos imos, bótannos”, afirmou. Mouriño rexeitou durante este tempo as diferentes propostas realizadas desde o Concello de Vigo, propietario do estadio, que é de titularidade municipal. 

Tamén afirmou que a construción dun novo estadio permitirá ao Celta "medrar": "Gañaremos socios", dixo, e lembrou que o Espanyol marchou de Barcelona e que o Atléticod e Madrid abandona Manzanares.

Comentarios