Mouriño liga o futuro do Celta a que se lle venda Balaídos ao clube

O presidente celeste presenta esta oferta e di que garante a continuidade da equipa “dez anos máis”. De non se aceptar abre a porta a facer “o mellor para dar solidez económica ao Celta”, engadindo que se iso implica “vendelo, vendereino”.

Carlos Mouriño compareceu para falar do futuro do Celta após mes e medio de silencio e de continuas noticias sobre a venda do clube vigués a un holding chinés. Mouriño aproveitou a comparecencia para poñer sobre a mesa unha última proposta, afirmando que “me libera de toda responsabilidade se non se acepta”: que o Celta compre o estadio de Balaídos, que o estadio municipal se lle venda ao club celtista. Iso, dixo, garante 10 anos máis de proxecto e dá base para unha “solvencia econñomica” que Mouriño non ve na situación actual. Puxo tres exemplos como o do Real Madrid, o Sevilla ou Valencia, de equipas que, con gobernos de partidos diferentes gobernando nesas cidades, apostaron por ese tipo de operacións cons clubes. “Que as zonas libres do estadio nolas deixen explotar a nós, e aí o Celta podería facer área comercial, de lecer nocturno... todo sempre a nome do Celta”

Foi o as na manga de Mouriño nunha comparecencia onde todos agardaban que anunciase a venda do Celta ao holding chinés. O presidente falou dunha mellora deportiva do Celta fora nestes anos máis que notábel, mais incidiu en que iso ten que ir da man coa “solvencia económica”. E nese apartado, o Celta non tiña futuro garantido polo que iso, a solvencia económica, era o principal. “Preocúpame o que é mellor para o Celta e se o mellor para darlle a solvencia é vendelo, vendereino”, afirmou. Así pois, veu dicir Mouriño, ou se lle garante ao Celta que pode mercar Balaídos ou vén venderá o Celta ao mellor postor. E como el propio afirmou na súa comparecencia, ese comprador non ten por que ser chinés. “Onte mesmo (pola segunda feira) recibimos oferta dun gupo de Qatar”. Ofertas pois, e segundo as súas palabras, non faltan

Mouriño comezou a súa intervención con agradecementos a Núñez Feijóo e Abel Caballero polo seu apoio nestas semanas “convulsas”. Dirixiu o punto de mira á portavoz do PP en Vigo, a ex-conselleira Elena Muñoz, contra a que cargou en reiteradas ocasións por arrouparse nun discurso de “viguismo” para cargar contra el pola venda do Celta. “Os que deixaron este clube en bancarrota eran vigueses, era capital galego”, dixo Mouriño, nunha frase que semellaba augurar a seguir o anuncio de que se vendía o Celta.

Mais ese anuncio non chegou. O que si veu foi unhas declaracións sobre que non estaba garantida a continuidade do Celta por esa falla de solvencia económica. “"A un fillo recomendaríalle que fose presidente do Celta. A un neto, non: non vexo futuro", pronunciou o presidente. Para que lle recomende eso ao neto, enténdese, deberíase de vender Balaídos ao Celta. En garantía, o Celta deixaría as accións, apontou, desbotando que quixese unha operación de recalificación.  


 

Comentarios