Golpe de autoridade do Dépor en Granada

Mosquera e Bergantiños combinan ben

Que Mosquera e Bergantiños eran na práctica incompatíbeis constituía un dogma do libreto de Natxo González que este domingo pasou a mellor vida. A dupla galega fortaleceu a medular branquiazul e catapultou o Dépor a un triunfo vital no campo do Granada (0-1), nun xogo en que voltou a brillar o talento de Edu Expósito e a fantasía de Cartabia.

depor
photo_camera Os xogadores do Dépor celebran o gol de Quique González

O Dépor mereceu gañar nos Cármenes, un campo sempre difícil, e anotou así a súa segunda vitoria consecutiva fóra de Riazor. O triunfo alicerzouno a equipa galega na solidez dun entramado defensivo que comezaba polo punta, un Quique González, que se reencontrou co gol grazas a unha dádiva da zaga local, suficiente para pór o ramo ao partido.

Durante a semana, Natxo González ensaiou cun dobre pivote galego na medular, a resgatar a Pedro Mosquera, até agora infra-utilizado por crer o treinador vasco que a súa presenza era de máis se xa estaba no escenario Álex Bergantiños. O partido deste domingo pon de relevo ese erro de percepción do ex adestrador do Zaragoza. Mosquera non só é un atleta notábel, senón que achega tamén templanza no manexo da bola. Tampouco é que se solapasen, até o punto de que durante boa parte do xogo o ex xogador do Real Madrid transitou máis polo carril dereito do que polo centro.

Se a ese fechamento de seguranza composto pola dupla galega lle engadimos a criatividade dun Edu Expósito que cada vez asume máis funcións de líder do combo coruñés e a capacidade de desequilibrio de Fede Cartabia entenderemos por que o Dépor foi quen de dominar o partido, nomeadamente na súa fase decisiva, após o gol de Quique González.

A vitoria pon o Dépor á beira dos postos do ascenso directo e supón tamén pór o gol average a favor fronte a un rival directo. Mel nas filloas por tanto nun día en que se desfixo un máis dos prexuízos do míster branquiazul: si, claro que Mosquera e Bertantiños poden xogar xuntos.

Granada CF: Rui Silva, Germán, Víctor Díaz, Martínez, Quini, Montoro, Fede, Pozo, Fede Vico (Dani Ojeda, min. 79), Vadillo (Antonio Puertas, min 65) e Adrián Ramos (Rodri, min. 55).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Didier Moreno, min. 79), Borja Valle (Michele Somma, min. 87), Fede Cartabia (Nahuel, min. 66) e Quique González.

Árbitro: Pizarro Gómez (C. Madrileño). Amonestou David Simón (min. 18), Montoro (min. 68), Antonio Puertas (min. 80), Rodri (min. 80), Ramos (min. 84) Didier Moreno (min. 85), Diego Caballo (min. 90), Domingos (90+2), Quini (90+2).

Goles: 0-1, m. 49: Quique González.

Incidencias: partido correspondente á 25ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Nuevo Los Cármenes ante 13.128 persoas, con presenza de por volta dun centenar de seareiras e seareiros deportivistas.

Comentarios