Morre Diego Armando Maradona

As primeiras informacións indican que sufriu un paro cardíaco na mañá desta cuarta feira na súa casa da localidade de Tigre.

EuropaPress_2673226_25_february_2020_argentina_buenos_aires_argentine_football_legend_diego
photo_camera Imaxe de arquivo de Maradona. (Foto: Alfredo Luna / Telam / dpa)

O astro do fútbol arxentino, Diego Armando Maradona, faleceu hoxe ao sufrir un paro cardíaco. Así o avanzou o diario Clarín, que especifica que o protagonista do episodio deportivo da "mano de Deus" nunha ampla cobertura da nova.

Segundo as primeiras informacións, o ex xogador de 60 anos (cumpriu o 30 de outubro) faleceu na mañá desta cuarta feira na súa casa do barrio de San Andrés, na localidade de Tigre. A priori a causa do falecemento foi un paro cardíaco.

Hai escasas semanas, esta lenda do deporte fora intervida nunha clínica médica de Bos Aires por un hematoma atopado no seu cerebro. Porén, o seu médico persoal, Leopoldo Luque, destacara en público que "asombraba" o ritmo de recuperación despois desa operación.

Aínda así, carrexaba varios problemas de saúde desde hai moito tempo debido a unha vida marcada polos excesos.

Parte da carreira como deportista de elite do arxentino decorreu no Estado español. Xogou na liga profesional tanto no FC Barcelona (do 82 ao 84) como no Sevilla FC (tempada 92-93). No medio da súa traxectoria , tamén pasou polo Nápoles.

Na súa última entrevista, concedida precisamente ao diario Clarín hai escasas semanas comentaba: "Fun e son moi feliz. O fútbol deume todo o que teño, máis do que tivera aimaxinado. E se non tivera esa adición tería xogado moito máis. Mais hoxe iso é pasado, estou ben e o que máis lamento é non ter aos meus vellos".

A nova provocou numerosas mostras de pesar, de figuras coñecidas e cidadáns anónimos, nas redes sociais.

Compromiso político

Maradona, nado en Villa Fiorito, a 40 Km do centro de Bos Aires, unha zona moi pobre e violenta, nunca ocultou as súas simpatías e fidelidades cara á esquerda. Lula, Chávez, Evo Morales, os Kirchner e,sobre todo, Fidel Castro, foron  líderes políticos que contaron co apoio e admiración do arxentino.

Comentarios