De La Morena dubida da legalidade de exhibir a bandeira galega con estrela en Riazor

O director e presentador de ‘El Larguero’ conmina o presidente do Dépor a que “evite símbolos ilegais”. O xornalista enmarcou o asasinato de 'Jimmy' nunha ‘quedada’ da que a propia Policía non ten constancia.

Bandeira galega con estrela en Riazor.
photo_camera Bandeira galega con estrela en Riazor.

É o director e presentador do programa líder na súa franxa horaria, con máis dun millón se seguidores de segunda a sexta feira e un número aínda maior nos domingos, cando ‘El larguero’ é escoitado por centos de milleiros de persoas. Na emisión da madrugada do domingo a esta segunda feira o asasinato do seareiro do Deportivo da Coruña en Madrid centrou, loxicamente, boa parte da emisión conducida por José Ramón de la Morena.

Comezou o programa falando dunha “pelexa de tribus” e manifestando que “non quero facer un mártir da vítima (Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy). Todos son indeseábeis para unha sociedade civilizada. E non quero excluír á vítima, que non pasaba por alí. Participaba na liorta”. Para moitos, a reflexión de De La Morena equiparaba vítima e verdugo.

Hipótese que non lle consta á Policía

O xornalista español mantivo como argumento explicativo a ‘quedada’ entre ultras do Atlético de Madrid e seareiros do Deportivo, malia que a súa compañeira de cadea radiofónica especializada en cuestións policias e de orde pública (Ana Terradillos) xa informaba de que ás forzas de seguridade non lles constaba esa cita. Porén, De la Morena fala de “pelexa de macarras concertada” .

Entrevista a Tino

Nun momento do programa o xornalista entrevista o presidente do Dépor, Tino Fernández, que afirma que “non tiñamos coñecemento de que era un encontro de alto risco”. Nun momento da entrevista, De la Morena pregúntalle a Tino se o clube ten algún tipo de “prebendas” cos Riazor Blues, o que nega o presidente deportivista. É entón cando se produce o seguinte diálogo (minuto 1:53 da segunda hora do programa):

Morena: - “O día do [Real] Madrid chegaron [polos Riazor Blues] a poñer nun fondo [de Riazor] unha das bandeiras que ten sentido independentista. A bandeira blanca co azul celeste e a estrela vermella”

Tino: -”Non lembro. Mais si é certo que algunha vez esa bandeira sae”

M: -”Mais esa é a bandeira que se usa como reivindicación independentista galega, ou non?”

T: -”Si, mais ten pouco seguimento”

M:- “Non sei, mais en calquera caso, non sei se será legal ou ilegal. Mais todos os símbolos ilegais hai que evitalos. [...] E os presidentes son responsábeis”

T: -”Certamente. O Dépor extremará todas as precaucións que haxa que tomar”.

Para alén de que se cuestione a legalidade da bandeira nacionalista galega, chama a atención que durante todo o programa (mesmo cando entrevista a Miguel Ángel Gil Marín, responsábel do Atlético de Madrid) non se faga nin unha soa mención á presencia habitual no Calderón de simboloxía de extrema-dereita e neo-nazi.

De la Morena si que criticou duramente as actuacións de ultras do Frente Atlético. Mais durante a entrevista con Marín, De la Morena afirma que “no Frenta Atlético aniña toda a larva do ovo da serpe... mais o Frente Atlético non creo que sexa iso o problema, o problema é delatar os violentos”. Mesmo pregunta ao presidente colchonero se vai haber unha “reunión urxente co Frente Atlético, mais a representación do FA non poden ser os violentos”.

Xa o padecera o Celta

Non é a primeira vez que De la Morena xera polémica en Galiza. Cómpre lembrar que o rexeitamento na afección celtista dunha posíbel chegada de Salva Ballesta (de coñecidas ideas fascistas) ao Celta foi recriminada por este xornalista, que mesmo acusou o presidente celtista de se someter “os independentistas”.

Comentarios