Montse González: "O respecto e a honestidade son as bandeiras do gaélico"

O fútbol gaélico é un deporte en expansión, e Montse González López (As Somozas, 1986) foi unha desas persoas cunha contribución fundamental para o desenvolvemento da única disciplina na que a Irmandiña pode competir oficial e internacionalmente, formando parte do grupo fundador do Turonia Gondomar de Fútbol Gaélico. 
A das Somozas é unha das fundadoras do Turonia GFG. (Foto: Turonia GFG).
photo_camera A das Somozas é unha das fundadoras do Turonia GFG. (Foto: Turonia GFG).

A pesar da rápida evolución e da importancia que alcanzou, o fútbol gaélico é unha disciplina cunha historia relativamente breve na Galiza. Como e cando foi o seu primeiro contacto con este deporte?

Eu comecei no fútbol gaélico hai algo máis de sete anos, en 2015, e foi totalmente polo boca a boca, porque me comentaron que había un equipo de fútbol gaélico xogando na ETEA (Escola Técnica de Transmisións da Armada) de Vigo, o Keltoi, e como eu xogara de rapaciña ao fútbol sala pensaban que podía chegar a gustarme o gaélico, así que decidinme a probar nun adestramento aberto, gustoume, tamén vin que había moi bo ambiente e quedei. Fun fixa alí no Keltoi, onde estiven xogando no equipo feminino, e despois xa pasei ao Turonia Gondomar de Fútbol Gaélico.

Eses comentarios convidándolle a probar o fútbol gaélico foron a primeira referencia que tivo do deporte ou vostede xa sabía da súa existencia?

Non, para nada. Nin sequera sabía como eran as normas, foi totalmente por eses comentarios que me dixeron que había un equipo en Vigo de fútbol gaélico, e eu pensei entón "non debe ser moi diferente do fútbol que eu coñezo" (ri). 

Como se pasa en 2015 de non saber sequera o que era o fútbol gaélico a fundar un club como o Turonia Gondomar?

Xuntándose cinco persoas ilusionadas, co presidente Gonzalo á cabeza, que foi quen tivo a iniciativa. Cando o coñecín xogando no Keltoi el xa tiña claro que quería fundar un club na súa terra, Gondomar, no Val Miñor. Entón xuntámonos varias persoas con el, para botar unha man, organizando uns adestramentos abertos para pulsar se o deporte  tería boa acollida, se sería ben recibido na zona, e a verdade é que tivemos bastante éxito, pois aos dous meses xa inscribiramos tanto un equipo masculino como un feminino porque tiñamos xogadores e xogadoras abondo.  

Cal foi o aspecto concreto que a conquistou do fútbol gaélico?

Especialmente os valores que se transmiten, o bo ambiente que hai, o respecto, a honestidade e os terceiros tempos, é dicir, cando quedamos para divertirnos e para confraternizar os dous equipos despois de cada partido. Tamén me gusta o seu dinamismo, pois é moi intenso, veloz, porque as normas implican que se use a man e o pé e que prevaleza esta, o que imprime velocidade ao xogo. Pero esta intensidade non vai en contra dos valores de respecto e compañeirismo que hai sempre cos membros do conxunto rival. 

O gaélico estase estendendo en parte por estes valores que vostede sinala, que desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico tratan de estender coa iniciativa Gaélico Escolas ás crianzas de todo o país. Nota un aumento no interese na disciplina? 

Si, estamos facendo canteira. Coas Gaélico Escolas, por exemplo, os e as máis pequenas non só coñecen a disciplina, tamén reciben unha serie de valores como os que destacaba anteriormente de respecto ao árbitro, ao rival, compañeirismo, honestidade, traballo en equipo e apoio absoluto entre o grupo.

E movendo o foco ao Turonia GFG que vostede contribuíu a fundar, cales son as súas características principais?

O esforzo e o bo ambiente que temos entre nós. Congregamos unha ampla faixa de idade de xente de todo tipo, incluso que non fixeron deportes de equipo nunca, pero tamén atletas practicamente de elite, e nesa mestura conseguimos afianzar un club do que estamos moi orgullosos e orgullosas.

Comentarios