Volve o público aos estadios

Serán as autonomías as que determinen a capacidade.
Estadio Anxo Carro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estadio Anxo Carro (Foto: Nós Diario).

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou esta quinta feira que o público poderá volver aos estadios de fútbol e de baloncesto ao se suprimir o artigo 15.2 da Lei de Nova Normalidade que o impedía. Con todo, serán as autoridades de cada territorio as que determinen a capacidade dos estadios.

Así o anunciou durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros extraordinario no que se acordou a retirada da máscara obrigatoria en exteriores, aínda que será necesaria cando haxa aglomeracións de xente ou non se poida gardar a distancia de seguridade.

Neste contexto,  Darias sinalou con certo suspense: "se digo que se suprime o artigo 15.2 da Lei de Nova Normalidade non lles dirá moito". Acto seguido engadiu a explicación: "Pero se lles digo que este artigo ten que ver coa afluencia de público aos estadios de fútbol, da liga profesional, ou de baloncesto, da ACB, supoño que si saberán do que estamos falando".

Pois ben, a ministra anunciou que ao suprimir ese artigo autorízase a volta á normalidade "en canto á afluencia de público nos nosos estadios, na liga de fútbol profesional, para o comezo da liga e tamén da ACB".

"Estou convencida de que vai ser unha noticia ben recibida e moi ben aceptada para todo o deporte e para este país", precisou  Darias.

Comentarios