Miguel Indurain correrá a Ancares Cycling Marathon

A proba está programada para o día 7 de agosto
A presentación do evento tivo lugar onte no Vello Cárcere de Lugo. (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera A presentación do evento tivo lugar onte no Vello Cárcere de Lugo. (Foto: Deputación de Lugo).

O vindeiro día 7 de agosto as estradas da comarca dos Ancares reciben a segunda edición da proba ciclista Ancares Cycling Marathon, organizada polo Club Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O evento, que mestura deporte e natureza, presentouse onte no auditorio do Vello Cárcere de Lugo nun acto no que se concretaron os percorridos que completarán os e as participantes, con paso por estradas dos concellos de Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, que acollerá a saída -en Pedrafita- e a chegada, no alto do Cebreiro.

A organización anunciou tamén a participación na proba do ex ciclista Miguel Indurain, campión olímpico, do mundo e cinco veces do Tour de Francia, que cumprirá así co compromiso adquirido na pasada edición, cando un contaxio de Covid-19 impediu que se concretase a súa presenza na Ancares.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, expresou a súa satisfacción na presentación: "A segunda edición da Ancares Cycling Marathon, que puxemos en marcha o ano pasado de man co Club Ciclista Cidade de Lugo coa intención de consolidar unha gran proba de montaña na Galiza aproveitando as excepcionais condicións que ofrece a comarca, permítenos afrontar este segundo ano como o da consolidación e convencidos de acertar nesa aposta por mesturar territorio, turismo e deporte".

Tres percorridos distintos

Fronte aos dous percorridos de 2021, neste segunda edición a proba ofrecerá tres itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación das persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas: Gran Fondo -con 126 quilómetros e 3.500 metros de desnivel positivo-, Medio Fondo -93,8 quilómetros e 2.913 metros de desnivel- e Mini Fondo, de 45 quilómetros e 1.200 metros de desnivel.

O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, que forma parte do comité organizador da proba, sinalou que "se mantén o grande atractivo da proba máis dura, o Gran Fondo, cun percorrido que motiva a afeccionadas con mellor forma e máis horas de bicicleta, con versións máis económicas  que permitirán que participantes de todos os niveis de forma e de todas as idades poidan sentir o gozo de cruzar a meta".

Comentarios