Miguel Colmenares, campión de tiro: "Este deporte é a antítese da violencia, o que hai son prexuízos"

Antes da irrupción da pandemia, en 2019, a Federación Galega de Tiro Olímpico emitira 3.980 licenzas, a cuarta cifra do Estado só por detrás de Catalunya, València e Andalucía. Porén, o tiro é unha modalidade que aínda arrastra certos estigmas a pesar de que deu á Galiza campións do nivel do meirense Miguel Colmenares (1958).
O tirador de Meira, manipulando unha arma de avancarga, esas nas que se carga a pólvora pola boca. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O tirador de Meira, manipulando unha arma de avancarga, esas nas que se carga a pólvora pola boca. (Foto: Nós Diario).

Como foi o seu primeiro contacto co tiro?

De casualidade, como adoita acontecer (ri). O meu pai tiraba e, nun momento determinado, decide non continuar, así que me decido a probar co aire [tiro olímpico] e encántame. 

E con esa decisión comezou unha traxectoria da que o seu primeiro torneo internacional foi en Portugal no ano 2010. No seu caso é misión complicada de resumir, pero con cal de tantos éxitos galegos, estatais e internacionais quedaría despois de todo este tempo?

Co primeiro Campionato do Mundo, pola felicidade tan intensa que sentín. Naquela época dicía que estaba flotando, tres días sen tocar o chan. Ser campión do mundo é algo que nin soñas. 

Tanto é así que chegou a contar que cando comezaba a súa máxima ilusión era a de quedar de campión provincial. Como se pasa diso a ser varias veces campión do mundo?

Efectivamente. E, como en todos os deportes, os principios son duros, vas pouco a pouco, progresando, pero estás moi lonxe da xente de cabeza... tes unha ilusión. Por exemplo, pensas "se eu un día fose campión provincial...", pero logo van xurdindo cousas novas, obxectivos máis grandes, e aos poucos vas medrando e superando etapas.

E como decorreu ese percorrido que o levou a un mundiño tan particular como o das armas clásicas?

Eu comecei competindo con pistola de aire comprimido, pero sen deixar de lado o fogo, porque aos que nos gusta tirar, gústanos tirar con todo. 

Un día, vin un compañeiro cunha arma rarísima, que cargaba pola boca, cuns útiles que non coñecía: embude, martelo... pareceume tan interesante que merquei a miña primeira arma de avancarga, así que deixei un pouquiño de lado as modalidades deportivas e as olímpicas e decanteime por esas de avancaga.

Que se integra exactamente na categoría de "armas históricas" e como é unha competición de avancarga?

Armas históricas hai de dous tipos: as de avancarga e outras que son exclusivas de España que teñen como principal característica o uso de cartuchos metálicos pero cargados con pólvora negra, non nitro. 

De todos modos, destas non hai competicións internacionais, só a nivel do Estado español, porque non están recoñecidas. As de avancarga, pola súa parte, son esas nas que non se utilizan cartuchos, senón que se carga a pólvora ou ben pola boca do canón ou a través do tambor, no caso dos revólveres. Logo, nas competicións, fas 13 disparos, dos que computan soamente os 10 mellores.

O tiro ten unha dificultade que parece que ás veces só entenden as persoas que tiran, pois a concentración, a respiración ou o equilibrio, entre outros factores, son vitais e poden arruinar un disparo. Que considera máis difícil deste deporte tan pouco coñecido?

Para min o fundamental, a chave do éxito e de facelo ben, é a concentración. Por moita técnica que teñas, por moi ben que o fagas, como na cabeza teñas outras cousas do tipo "mira que ben vou, podo facer tantos puntos", aí perdiches a concentración e a tirada tórcese. A min é o que máis me custa. Ter pulso é importante, pero sen concentración non conseguirás resultados de elite.

Como traballa vostede nese aspecto?

Realmente non fago ningún exercicio específico de concentración, tan só procuro non pensar en nada máis que en estar ao que ai que estar, que son as miras, non moverme... do contrario, hai que baixar a arma e renunciar ao disparo.

A pesar de toda esa dificultade é un deporte que practican desde xente moi nova até moi maior, e que economicamente non é inaccesíbel.

Si, hai unha figura moi habitual que é a dun señor que comeza a practicar coa xubilación. Tes tempo libre, e unha afección moi boa é o tiro. Non chegarán a uns resultados extraordinarios, pero para divertirse, gozar e pasar un bo rato e esquecerse dos problemas está moi ben porque, efectivamente, está ao alcance de todo o mundo e de calquera idade. 

Aínda así, queda xente para a que o tiro ten un certo estigma como deporte violento, por dicilo dalgún modo. Que lles diría?

Hai un prexuízo moi grande sobre iso, porque como se utilizan armas hai xente que di "a min as armas non me gustan nada". Non obstante, a todo o mundo lle gusta a arma máis perigosa que existe na actualidade, que é o coche.

Nas competicións de tiro non hai apenas accidentes nin falecidos, pero mortos provocados polos automóbiles, todos os días. Por outra parte, calquera persoa que crea que o tiro é un deporte violento debería vir a unha galería e ver o que hai aí. Parécese moito máis a un oficio relixioso que a un deporte violento, só verá persoas caladiñas e concentradas nas súas cousas.

Violencia hai nos partidos de fútbol da fin de semana: patadas, golpes, empurróns, insultos... no tiro non verás nada así, nin unha mala palabra a un compañeiro, todo o contrario. O que hai son prexuízos. O tiro é a antítese da violencia. 

Comentarios