Mesmo obxectivo, distinta presión para Celta e Lugo

A loita pola salvación de Celta e Lugo comparte protagonismo cun duelo de necesidades entre Deportivo da Coruña e Numancia, dous dos teóricos favoritos para ascender á Segunda División.
A escuadra olívica tratará por todos os medios de amarrar a permanencia ante un rival directo como é o conxunto gaditano. (Foto: LFP).
photo_camera A escuadra olívica tratará por todos os medios de amarrar a permanencia ante un rival directo como é o conxunto gaditano. (Foto: LFP).

Real Club Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo teñen o mesmo obxectivo para o que resta de tempada: lograr a permanencia na Primeira e na Segunda División, respectivamente. Non obstante, o modo en que ambos os conxuntos chegan a unha fin de semana futbolística na que afrontarán un duplo duelo contra senllos rivais directos como son o Cádiz (domingo, 18 horas) e o Alcorcón (mañá ás 14 horas) non podería ser máis diferente.

Así, se os da cidade olívica, a pesar da derrota a pasada xornada contra o potente Sevilla de Lopetegui e compañía, viaxan a Andalucía coa tranquilidade que confire o seu colchón de 11 puntos sobre os postos de descenso e co aval do contundente 4-0 que lle endosaron aos gaditanos no partido de ida, a escuadra albivermella non sabe o que é gañar desde o 23 de xaneiro e sabe que se non se fai cos tres puntos en xogo no choque ante o Alcorcón, antepenúltimo clasificado na Liga, existen moitas posibilidades de que volva a uns postos de descenso que non pisa desde a quinta data do campionato.

Con todo, o Real Club Celta non pode confiarse e baixar a garda ante un Cádiz ao que só avantaxa en dous puntos na táboa, e máis sabendo que Santi Mina, un dos homes chave para o Chacho Coudet, causará baixa por unha contusión no sóleo. Lamentabelmente, e aínda que podería saltar a sorpresa a última hora, o relevo natural do vigués e único dianteiro reserva no cadro celeste, Facundo Ferreyra, tamén podería quedar na casa a causa das consecuencias da cotobelada recibida ante o Sevilla -e que non foi sancionada polo colexiado- na que lle romperon o nariz.

Xa que logo, a alternativa máis plausíbel é que Coudet opte por substituír Mina adiantando Brais Méndez, e ocupando a posición deste no medio do campo con Fran Beltrán ou, se é quen de recuperarse a tempo, o volante arxentino Augusto Solari.

Luís César, no arame

Contra todo prognóstico, e mesmo contra a propia traxectoria de Saqués como presidente do Lugo, o galego Luís César Sampedro continúa como técnico do Club Deportivo Lugo a pesar de non coñecer a vitoria desde a súa chegada á Cidade das Murallas.

Non obstante, agora si, todo o que non sexa facerse cun triunfo significará non só que o equipo regrese aos postos de descenso, senón a fin dunha paciencia que o empresario non tivo cos seus predecesores no cargo, Juanfran e Mehdi Nafti.

O rival non podería ser peor, pois o Alcorcón está a tan só un punto dos lucenses na táboa e baixo a dirección dun Anquela -de infausta lembranza na Coruña- que vén de lograr un triunfo a pasada xornada que, de repetir ante o Lugo, os sacaría dos postos de descenso.

Partido chave para os grandes favoritos

Deportivo e Numancia enfróntanse o domingo ás 19 horas nun choque que podería condicionar a súa traxectoria no que queda de segunda fase e na que está en xogo unha praza na nova Primeira RFEF. Co mesmo obxectivo, o Rácing de Ferrol recibe na Malata o Marino de Luanco (domingo, 17 horas) e o Compostela fai o propio co Langreo (domingo, 17 horas) nun duplo duelo entre galegos e asturianos.

No que respecta ao grupo do ascenso a Segunda División, o filial celeste aspira a dar a sorpresa en Barreiro ante un Burgos (domingo, 12 horas) que é líder indiscutíbel e que tan só perdeu tres partidos no que vai de tempada.

Finalmente, Pontevedra e Coruxo tratarán de seguir sumando puntos para eludir o descenso á Terceira División ante Oviedo B e Lealtad, respectivamente, que se desenvolverán en Pasarón o domingo ás 17 horas e no Vao hoxe á mesma hora da tarde. 

Comentarios