O mercado galego.Celta e Deportivo comezan a debuxar os seus planteis

O inicio do mes de xullo marcará a recta final para fechar os planteis. A menos dun mes para comezar a pretempada e a dous do fechamento do mercado todo son incógnitas dentro dos dous principais clubes galegos, as baixas superan ás fichaxes e son varias as posicións que fican no ar.

José Naranjo, única fichaxe do Celta polo de agora. Foto: Real Club Celta de Vigo
photo_camera José Naranjo, única fichaxe do Celta polo de agora. Foto: Real Club Celta de Vigo

Praza de Lugo

A lonxa do RC Deportivo da Coruña atópase baixo mínimos, pero con tempo para refacer un plantel competitivo. A entidade presidida por Tino Fernández comezou polos alicerces, asegurando un técnico para o vindeiro ano. Após destituír Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano chegou a Abengondo co tempo suficiente para forxar un equipo. O gran número de cedidos, unido aos descartes provocados polo problemático final de tempada, obrigan ao Dépor a cubrir moitas saídas.

Na portería deberanse suplir as baixas de Pletikosa e a de Fabricio que está en proceso de fichar polo Besiktas. Pola súa parte, Lux e Manu Fernández non apontan á titularidade e desde Coruña medra o interese por Kepa Arrizabalaga, gardameta vasco, internacional sub 21, que tivo Garitano nas súas filas na súa curta etapa no Real Valladolid o ano pasado.

A defensa é o lugar onde os deportivistas teñen menos dúbidas: Sidnei e Arribas continuarán a excepción de sorpresas. As únicas baixas son a de Luisinho e a de Jonás Gutierrez, quen tivo minutos no lateral e no centro do campo. A volta de Pablo Insua, após a súa cesión no Leganés está pendente de se o xogador opta á titularidade no club branquiazul. De non facelo, Ínsua mostrouse favorábel a ficar unha tempada máis en Madrid, no debut do Lega en Primeira División.

O centro do campo está estabilizado, coa única baixa de Juan Domínguez que sairá cedido ás fileiras do Mallorca, onde será adestrado por Fernando Vázquez de novo. A zona ofensiva é o lugar máis ameazado polo mercado de fichaxes. Lucas Pérez e Oriol Riera teñen grandes posibilidades de partir. O de Monelos e o seu axente convulsionan o mercado e, falouse del até para o Leicester City, interesan a Atlético de Madrid e ao Sevilla. Oriol é o xogador máis desexado pola afección do recén ascendido Osasuna, mais a directiva do clube non amosou interese e o seu futuro aínda non está resolto.

O Deportivo firmou a tres xogadores que chegaron libres

En canto ás fichaxes confirmadas, o Deportivo firmou a tres xogadores que chegaron libres. Emre Çolak, procedente do Galatasaray, reforzará a defensa; Bruno Gama, regresa á Coruña, após o seu paso por Ucraína e Borja Valle, dianteiro que chega do Oviedo onde anotou 15 goles entre liga e copa na pasada tempada.

Mercado do Calvario

A particular praza de abastos do conxunto olívico depende case absolutamente do investimento que se faga co diñeiro que deixe nas arcas do clube a venta de Nolito. A estrela celeste irase ao Manchester City e, presumibelmente, faráo polo prezo de 18 millóns de euros que fixa a súa cláusula. Nolito foi un home determinante nas tres tempadas que leva en Vigo, sendo o máximo goleador e o home referencia dos de Berizzo.

Coa clasificación para a Europa league, o Celta planeaba un verán de reforzos para aumentar un plantel demasiado curto para tres competicións. Nesta liña chegou a única fichaxe dos celestes até o de agora, José Naranjo. O atacante de 21 anos, procedente do Nástic, chegou como unha promesa de futuro, mais co aval de ter anotado 15 goles en segunda división.

Jonny acapara intereses de equipos da Bundesliga e a Premier League

A portería celeste está ben cuberta con Sergio e Rubén Blanco, mais non se descarta unha cara nova. Durante este verán xa existiu interese polo gardameta do River, Barovero, quen finalmente recalou no Necaxa mexicano. Na defensa a maior incógnita protagonízaa Jonny, quen acapara intereses de equipos da Bundesliga e a Premier League que estarían dispostos a pagar a súa cláusula, segundo informacións do Faro de Vigo. Para reemprazar Jonny ou reforzar os laterais, o Celta interesouse en Arthur Masuaku: lateral dereito francés de 22 anos, que xoga no Olympiakos. Para ese mesmo posto postúlase o lateral do Lugo e canteirán do Deportivo, Álvaro Lemos.

O Celta deberá suplir a baixa de Nolito en ataque

A zona ofensiva é a máis crítica: Os vigueses buscan un reforzo que complemente o centro do campo formado por Wass, Tucu e Marcelo Díaz, ao tempo que deben suplir a baixa de Nolito en ataque. Os nomes propios que poderían reforzar estas posicións chegan desde Francia e Sudamérica: O media punta do Olympique de Lyon, Rayid Ghezzal e o dianteiro, internacional con Colombia, Edwin Cardona, son dúas das opcións máis interesantes para os vigueses.

Comentarios