O menor acusado do asasinato de 'Jimmy' será xulgado o 25 de xaneiro

O fiscal pide 8 anos de internamento e 3 de liberdade vixiada para o único acusado pola morte do seareiro deportivista.

O xulgado de menores nº4 de Madrid sinalou para o 25 de xaneiro de 2016 o xuízo ao menor de idade acusado do asasinato do seareiro do Dépor Francisco Javier Romero Taboada 'Jimmy' o 30 de novembro de 2014. O fiscal solicita 8 anos de internamento e 3 de liberdade vixiada para o único acusado polo asasinato de 'Jimmy', e ao que considera autor de pelexa tumultuaria e tenza ilícita de armas.

Canda el no banco dos acusados sentarán outros dous menores, que tamén tomaron parte na 'emboscada' a seareiros do Dépor. Para eles a Fiscalía pide que se lles condene a traballos en beneficio da comunidade.

Fontes xudiciais citadas por EFE sinalan que antes de que teña lugar este xuízo, a xuíza decidirá sobre o valor da declaración da testemuña protexida, que é a principal proba contra o menor. A defensa do acusado reclama a nulidade desa declaración por entender que a testemuña figura como imputado na causa principal sobre o acontecido o día do asasinato, polo que non goza de credibilidade.

Comentarios