Memoria nostálxica do fútbol ruso e ucraíno na Galiza

A pegada do fútbol ruso e ucraíno na Galiza é unha páxina pouco coñecida no país alén da presenza de Mostovoi e Karpin no Celta na segunda metade da década dos 90, mais esta remóntase varias décadas atrás e oculta historias mesmo con relevancia política que saen á luz pública por primeira vez nesta reportaxe.
A estrela do Dinamo de Kiev, Oleg Blokhin, na Coruña diante do trofeo Teresa Herrera do ano 1981 (Foto: Nós Diario).
photo_camera A estrela do Dinamo de Kiev, Oleg Blokhin, na Coruña diante do trofeo Teresa Herrera do ano 1981 (Foto: Nós Diario).

En 1986 os donostiarras Mikel Erentxun, Diego Vasallo e Juan Ramón Viles, máis coñecidos no mundo da música como Duncan Dhu, lanzaban Cen gaivotas, un dos temas máis icónicos da banda. A súa letra, tan aberta a interpretacións e que para algunhas persoas resulta evocadora dunhas guerras que volveron azoutar o continente europeo nos últimos tempos, di nunha das súas estrofas: "O ceo é gris e ti non o poderás cambiar; mira cara ao lonxe, busca outro lugar; hoxe non viches ninguén con quen derrubar; os muros que gobernan nesta cidade".

Ese mesmo ano, onde un conflito armado entre dúas nacións como Rusia e Ucraína, unidas baixo o paraugas da Unión Soviética, resultaba inconcibíbel, un rapaz aínda menor de idade daba os seus primeiros pasos no fútbol de elite no modesto Presnya de Moscova. O seu nome? Aleksandr Vladimirovich Mostovoi, e desde eses duros comezos na Liga Suprema -a máxima categoría na URSS- destacou pola súa técnica sen igual e por un carácter quente impropio dun home procedente da xélida Lomonósov.

Unha década máis tarde aterraba en Vigo, tornando, até a irrupción de Iago Aspas, no mellor xogador da historia do Celta, algo que non sería posíbel se non se desen unhas circunstancias xeopolíticas que están moi por enriba do fútbol, pero das que o deporte rei non é alleo.

Os equipos do leste, vetados

Moito antes, en pleno franquismo, o fútbol do leste non era benvido nin na Galiza nin no Estado español a causa do furibundo anticomunismo que caracterizaba o réxime.

Iso cambiou a raíz da súa necesidade de proxectar unha imaxe exterior máis aberta e positiva, o que permitiu que xa en 1970 aterrase na Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera o Ferencvárosi Torna Club húngaro, que se fixo co título superando os arxentinos de Club Atlético San Lorenzo con Flórián Albert -Balón de Ouro tres anos- como home máis destacado.

Non obstante, e a pesar do bo recordo que deixaron entre os e as espectadoras outros conxuntos ao outro lado da cortina de ferro como o Estrela Vermella de Belgrado (1971) ou o Újpest Dózsa húngaro e o Spartak Trnava checoslovaco, a súa presenza non estaba exenta de polémica. Estes dous últimos provocaron un conflito en 1973 entre a organización do trofeo coruñés e os dirixentes franquistas, pois -como se pode ver no documento ao que tivo acceso Nós Diario e que se pode observar na edición en papel- a Federación Española non permitía a participación de máis dun equipo do leste.

O Dinamo de Kiev recibe a admiración do pobo galego

O desxeo dos anos 80 tivo na Galiza o rostro do Dinamo de Kiev. Con Franco morto, normalízanse as relacións coa URSS e no verán de 1981 aterra na Coruña o Dinamo de Kiev, que contra todo prognóstico supera o Atlético de Madrid e o Barcelona de Schuster, Simonsen e Quini. Os da capital de Ucraína deixaron moi claro que o seu fútbol estaba á altura dos mellores do continente, e fixérono ademais dando unha lección de deportividade, pois nunca se lles viu protestar unha decisión arbitral nin ter un só encontrón cos seus rivais, o que fixo que as 30.000 persoas presentes en Riazor lles desen o seu apoio incondicional e clamasen unanimemente polo seu regreso no próximo Teresa Herrera. O embaixador soviético quedou tan satisfeito que reflectiu a súa alegría nunha carta dedicada ao alcalde da Coruña e que chega por primeira a ollos da poboación xeral nesta reportaxe [na versión en papel, dispoñíbel en quiosques e na nosa loja]

O Dinamo repetiría nas dúas seguintes edicións do decano dos torneos de verán, especiais porque o seu técnico Valerii Lobanovskyi coñeceu na cidade herculina a súa designación como seleccionador nacional de fútbol da Unión Soviética e por gañar o primeiro trofeo Teresa Herrera elaborado en ouro e non en prata, unha peza única que a organización tratou de comprarlle aos ucraínos sen éxito.

A comezos da seguinte década, en 1990, chega a territorio galego a só un ano para a desintegración da URSS para xogar outro trofeo de verán, neste caso o cidade de Vigo, un Spartak de Moscova encabezado por dous bravos rapaces de 22 e 21 anos de idade chamados Mostovoi e Karpin quen, tempo despois, formarían de novo en Vigo unha sociedade baixo a que os olívicos vivirían os seus anos dourados.

Comentarios