A mellor ximnasia trampolín galega reivindicarase esta fin de semana en Vigo

A XIII Copa Galiza Internacional contará en Vigo con 20 clubs e 166 deportistas. Entre as participantes máis destacadas estará Uxía Rodríguez e Melania Rodríguez.
A anterior Copa Galiza Ximnasa Trampolín tivo lugar en Ourense (Foto: Nós Diario).
photo_camera A anterior Copa Galiza Ximnasa Trampolín tivo lugar en Ourense. (Foto: Nós Diario)

A XIII Copa Galiza Internacional de Ximnasia Trampolín 2023 reunirá na cancha central do Complexo Polideportivo Municipal de Travesas (Vigo), os días 24, 25 e 26 de marzo, o mellor deste deporte a nivel galego ademais de contar cunha importante participación internacional. Un total de 20 clubs de procedencia diversa -desde Euskal Herria até Portugal, pasando por Andalucía- achegarán 166 deportistas que competirán nas modalidades de trampolín, dobre minitramp e tumbling

Nesta edición tamén participarán ximnastas galegas e galegos   que conseguiron nos últimos meses importantes triunfos a nivel internacional. Estarán en Vigo, por exemplo, Claudia Blanco e Marta Rodríguez (Club Ximnasia Pavillón de Ourense), cuartas en dobre minitramp no recente campionato do mundo que decorreu na capital búlgara, Sofía.

Tamén viaxará Saúl Rodríguez, quinto nos campionatos europeos de Rímini (Talia). Na modalidade de tumbling, especial atención merece Esther Pacheco (Club Sieiro Acrobacia Vigo) cuarta en dobre minitramp nese europeo. 

Uxía Rodríguez e Melania Rodríguez

Entre as participantes máis destacadas estará a cambadesa Uxía Rodríguez, medalla de bronce en dobre minitrump no mundial por idades de Bulgaria, e dobre campioa de España o ano pasado, cos títulos de mellor especialista de tumbling e de dobre minitramp na súa categoría (elite 11-12 anos).

Outra das ximnastas a ter en conta será Melania Rodríguez, que agora mesmo está a preparar a súa participación en París 2024, en trampolín. No pasado mes de xullo, conseguía a medalla de ouro no dobre mini trump nos World Games, en Birmingham, Alabama (Estados Unidos de América), o evento máis importante para esta disciplina e que agarda poder estar nos vindeiros Xogos Olímpicos.  

O trampolín na Galiza, no seu mellor momento

A secretaria técnica da Federación Galega de Ximnasia, Cristina González, recoñece a Nós Diario que a modalidade deportiva de trampolín dálle moitas satisfaccións á Galiza. “Tradicionalmente, sempre nos trouxeron moitas alegrías, con medallas mesmo a nivel internacional”, asegura a responsábel federativa, “foi como consecuencia de que se traballou moito nela”, engade.

Por este motivo, cualifica a situación de “moi boa” e sinala que están “contentos coa actuación dos clubs e o seu esforzo por levar o trampolín a un nivel internacional”. Pon como exemplos “os podios conseguidos e os postos achegados á medalla que temos nos últimos meses”.   

Entre os clubs que competirán esta fin de semana, un dos máis sinalados é o Ximnasia Pavillón Ourense. A súa adestradora, Ana Pazos, agarda que os resultados acompañen. “A única eiva é que será a primeira proba do ano”, explica a Nós Diario, “polo que temos moitas rapazas e rapaces sen competir desde outubro ou novembro, nunha modalidade na que todo depende do que fagas nun minuto”, engade.

Pazos valora a copa galega como "complicada dentro do calendario" mais que non deixa de ser competitiva pola presenza de ximnastas de nivel.

Ilusión no Club Sieiro Acrobacia de Vigo

Desde o Club Sieiro Acrobacia de Vigo agradecen á Federación e ao Concello a posibilidade de “xogar na casa” por primeira vez na historia desta competición. “Estamos traballando duro e preparadas para competir ao máis alto nivel esta fin de semana”, asegura a Nós Diario unha das súas adestradoras, Sara Penedo.

Para a responsábel técnica viguesa, este trofeo internacional será “toda unha oportunidade por contar co apoio da nosa afección”.

Comentarios