O mellor Liceo de todos os tempos

Os coruñeses asinan o seu mellor comezo de tempada da historia
O cadro técnico e de xogadores do Deportivo Liceo, posando despois de certificar a fazaña. (Foto: HG -Mónica Arcay).
photo_camera O cadro técnico e de xogadores do Deportivo Liceo, posando despois de certificar a fazaña. (Foto: HG -Mónica Arcay).

O analoxía entre o Hóckey Clube Liceo da Coruña nunha liga onde é o único competidor non catalán coa aldea de Astérix e Obélix rodeada de campamentos romanos na ilustración que habitualmente abría os álbums coas aventuras dos irredentos galos pode estar un pouco gastada a estas alturas, pero non por iso deixa de representar -e enxalzar- con extrema fidelidade a fazaña dun equipo que adoita ter todo en contra, incluídos os árbitros.

No Pazo dos Deportes de Riazor, as 500 persoas autorizadas a asistir como público ao encontro que enfrontou os galegos co Palafrugell tiveron o privilexio de formar parte dun novo momento histórico do equipo máis laureado da Galiza, que após esmagar por 5-1 os seus rivais festexaron como se dun título se tratase -con tarta e todo- o seu undécimo triunfo consecutivo, pleno de vitorias que se traduce no seu mellor arranque de campionato de todos os tempos, superando un récord que estaba vixente desde a tempada 1991/92.

O comezo do partido entre o líder e o décimo clasificado foi trepidante, pois unha internada do visitante Marc Figa puido abrir o marcador aos poucos segundos de iniciarse a acción, mais sería o liceísta César Carballeira quen perforase primeiro unha portaría aos tres minutos. E, inmediatamente despois, o CH Palafrugell deixaba claro que non tiña a intención de limitarse a ser tan só un convidado na festa, empatando da man de Franco 'Caco' Ceschin.

Afortunadamente para os intereses do Liceo, Carles Grau detivo un penalti logo do tanto do empate, e logo Maxi Oruste marcou o 2-1 para os verdibrancos a falta de 15 minutos para o tempo de descanso.

Recuperado do susto, o equipo de Juan Copa recompúxose, fixo boa a súa condición de favorito e comezou a acaparar as ocasións de perigo, até tal punto de que os cataláns non volverían anotar nin un só gol. O de sempre, Jordi Adroher, converteu a décima falta visitante no 3-1 (minuto 34) con outra definición maxistral. Dúas xogadas despois, Oruste dobrou a súa conta e instaurou o 4-1 e, a falta dun minuto, Platero concluía un partido histórico co 5-1.

Un equipo por enriba dos nomes

Os nomes de Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Jordi Adroher, Marc Grau, Roberto Di Benedetto, Dani López, Pablo Parga, Nanu Castro ou Maxi Oruste poden non ter -aínda- a repercusión de Ferrán Pujalte, Joan Carles, Toni Rovira, José Luis Huelves ou -especialmente- Daniel Martinazzo, un dos mellores xogadores na historia deste deporte e gañador de máis de 20 títulos coa camisola do Liceo.

Porén, e como salientou despois do partido contra o Palafrugell Juan Copa, o discreto cerebro detrás do éxito do conxunto herculino, "non teremos os nomes de 1991, pero somos un equipo por enriba de todo".

O preparador coruñés afirmou que tanto el como os seus pupilos estaban "pletóricos", e reivindicou o mérito do récord de triunfos por ser "algo que pode parecer fácil, mais non. O que está a facer este equipo é algo moi complicado".

Ademais da impresionante xeira de vitorias per se, Juan Copa destacou o feito de que estas se estean a traducir nunha marxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado na Liga, o todopoderoso Barcelona.

Comentarios