O mellor fútbol gaélico de Europa competirá esta fin de semana na Coruña

Máis de 30 equipos, femininos e masculinos, loitarán nas Finais do Campionato Pan-Euro de Fútbol gaélico que terán lugar na Coruña o 15 de outubro. Os encontros definitivos transmitiranse por televisión.
Fillas de Breogán, da Coruña, xogando na anterior edición do Pan-Euro de fútbol gaélico, realizada en Viena en 2019 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fillas de Breogán, da Coruña, xogando na anterior edición do Pan-Euro de fútbol gaélico, realizada en Viena en 2019. (Foto: Nós Diario)

O torneo coas Finais do Pan-Euro de fútbol gaélico chegará este sábado á Coruña. Trátase da máxima competición europea na que se reúnen clubs de varios países para consagrar ao mellor equipo nas categorías feminina e masculina. "Se estiveramos a falar de fútbol podería compararse a unha  Champions League e unha Europa League comprimidas nun mesmo día", asegura a Nós Diario a presidenta e xogadora do equipo anfitrión, Fillos de Breogán, Paula López Otero.

O evento será na cidade herculina, tal e como se acordou antes da pandemia, aínda que como consecuencia da emerxencia sanitaria, con dous anos de atraso. Nel haberá máis de 30 equipos, masculinos e femininos, de máis de 10 países de Europa aínda que sen presenza irlandesa, berce deste deporte. 

López Otero non oculta que é “moi emocionante” acoller un torneo destas características. Apunta que se trata “dunha ocasión moi especial para nós que levamos moito practicando este deporte”. Por parte galega estarán, ademais dos equipos feminino e masculino do seu club, o Estrela Vermelha (Compostela), Keltoi e Independente (Vigo), Auriense (Ourense), Herdeiras de Dhais (Lalín), Turonia (Gondomar) e Irmandinhos (A Estrada).

“Algúns xogadores soltos que non conseguiron formar equipo, como é o caso de Cambados, estarán con outros clubs”, indica a presidenta, “ademais de ser a estrea do Lume de Beltane de Poio”, engade. Ademais de equipos galegos, haberá participación de Francia, Jersey, Polonia, Bélxica, Dinamarca, Países Baixos, Suíza, España, Italia, Bretaña e Alemaña

Competición e difusión

A competición dispútase nun só día e os equipos terán como estímulo a posibilidade de loitar por diferentes títulos: os mellores polo trofeo Sénior, os seguintes polo Intermediate e, por último, procurando o Júnior. O equipo coruñés feminino defenderá o título Intermediate que acadou en Viena 2019, anterior edición do torneo. 

Sobre a competición en si, a maior parte dos partidos xogaranse na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias e nos campos de fútbol de San Pedro de Visma da Coruña. Primeiro hai unha fase de grupos, que acostuman ser duns 4-6 equipos, e despois semifinais e finais. Nalgúns casos xógase o que se coñece como a Shield, unha especie de torneo con semifinais e final na que participan os equipos que non se clasificaron para as semifinais da Copa.

As finais principais, as sénior, tanto a masculina coma a feminina, xogaranse no Estadio de Elviña entre as 17 e as 19 horas, e serán televisadas en directo pola TVG. 

O feito de que, desta vez, se retransmita por televisión é unha boa nova para este deporte na Galiza. “É fundamental que a xente o coñeza, que as nenas e nenos saiban del desde que son cativas e cativos, que cando teñan idade de xogar non lles soe extravagante”, opina a presidenta de Fillos de Breogán.

Trátase dunha necesidade que agora mesmo, segundo transmite, “é imperiosa” ao urxir xogadoras e xogadores para continuar adiante coa aventura do fútbol gaélico na Galiza. “Hai un bo traballo de achegamento aos colexios mais é preciso deportistas que ingresen agora nos equipos sénior ou moitos desaparecerán”, conclúe.

Comentarios