O mellor do tríatlon galego regresa ás rúas da cidade de Pontevedra

A proba alcanza este ano a súa vixésima edición.
Estampa da presentación do Tríatlon Ciadade de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estampa da presentación do Tríatlon Ciadade de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Un ano máis, e xa van 20, o mellor do tríatlon volve á Cidade do Lérez, co interese engadido de que neste 2021 disputarase ademais o Campionato Xunta da Galiza de Tríatlon Sprint e o primeiro Campionato Xunta da Galiza de Remudas Mixtas. 

Deste modo, no día de mañá, nas inmediacións da Ponte dos Tirantes e cos mesmos percorridos de anos anteriores, dará saída ás 15 horas -para os homes- e ás 16.30 -tríatlon mixto- unha das probas con máis prestixio do calendario galego, que estará conformado en primeiro lugar por 750 metros de natación, previsíbelmente con neopreno opcional, debido á temperatura da auga, arredor dos 19 graos nos últimos días.

Logo será a quenda dos 20 quilómetros de ciclismo, con catro voltas nun circuíto moi esixente por mor do vento reinante estes días na Galiza, aínda que ás previsións para hoxe son de pouco vento e algo de nubosidade en Pontevedra.

Finalmente, o tramo decisivo serán os cinco quilómetros de carreira a pé, con dúas voltas nun percorrido prácticamente plano nas inmediacións da Ponte dos Tirantes.

Tríatlon Cross en Miño

O  Concello de Miño presentou esta sexta feira o I Tríatlon Cross Concello de Miño, un evento deportivo que se desenvolverá o domingo 26 de setembro e que atravesará diferentes enclaves naturais do municipio.

No Tríatlon Cross as participantes deberán superar as seguintes distancias: 1 quilómetro de natación na Praia Grande; 30 quilómetros de bicicleta de montaña polo Camiño Inglés, percorrendo as parroquias de Castro, San Xoán e a urbanización de Costa Miño; e sete quilómetros de carreira de montaña nun circuíto na Fraga do Xarío.

Ademais, presenta como principal novidade unha modalidade de remudas. 

Comentarios