O mellor da canteira atlética salta á palestra no Campionato da Galiza

Lugo acolle un certame previo ao Estatal de Lleida.
Ainhoa Repáraz, campioa galega absoluta dos 100 metros, será un dos grandes atractivos do torneo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ainhoa Repáraz, campioa galega absoluta dos 100 metros, será un dos grandes atractivos do torneo. (Foto: Nós Diario).

As pistas lucenses do Estadio Gregorio Pérez Rivera acollen ao longo de toda esta fin de semana o Campionato da Galiza de Atletismo Individual e de Probas Combinadas Sub-16 e Sub-18, no que tomarán parte as atletas máis destacadas do momento e que servirá como test cara ao Estatal que se desenvolverá en Lleida e Huelva a mediados e finais do presente mes de xullo.

Polas pistas da Cidade das Murallas pasarán máis de 1.000 competidoras, entre as que destacan os nomes da campioa galega absoluta dos 100 metros lisos e de España Sub-18 en pista cuberta, Ainhoa Repáraz (Val Miñor), así como o de Martín Barcia (Real Club Celta), único atleta galego que foi quen de baixar dos 11 segundos no que vai de 2021.

No sector da velocidade, ademais, tamén serán da partida a deportista do Lucus Caixa Rural Galega Antía Pernas -quen conta coa terceira mellor marca estatal do ano con 12.34- e Javier Trillo (Ourense Atletismo), que previsibelmente protagonizará un enfrontamento de altura con Fabián Vidal (Barbanza) para facerse co título.

Con respecto ao fondo, Ricardo Negrete estará na saída dos 1.000 metros na categoría Sub-16 co seu rexistro de 2.39.29, mentres que Xela Martínez, plusmarquista e campioa de España, é a máxima favorita para facerse co triunfo final na distancia dos 3.000 metros.

Xa nos valos, David Vicente García (Praias de Castellón), segunda mellor marca estatal do ano nos 110 metros, afronta a proba con menos competencia que Mateo Aller nos 400, quen terá enfronte ao sempre competitivo Álvaro Díaz (La Purísima). Un escenario moi similar protagonizarán Javier Trillo (Ourense Atletismo) e Leo Rodríguez (Samertolameu) nos 300 valos, pois ambos están separados por apenas tres centésimas.

Sihuang e Vosberg, grandes favoritas

En saltos, as medallistas de bronce no Estatal de pista cuberta Enma Sihuang -na modalidade de altura- e Lisa Vosberg -en pértega- serán as encargadas de dinamizar os seus respectivos concursos.

Pola súa banda, a plusmarquista galega e subcampioa española Sub-18 de pista cuberta en Combinadas, Lucía Sánchez del Valle, optará nestes campionatos pola lonxitude, onde acude cunha mellor marca persoal de 1,70 metros, aínda que terá que pasar por enriba da outra gran candidata, Nayr Cortegoso.

No foxo de triplo Sub-18, os galegos ofrecen a oportunidade de seguir as evolucións da recente finalista no Campionato de España absoluto en triplo salto, Alba Cuns, quen terá diante á súa principal opoñente, Diaou Diallo

Nos lanzamentos, Nicolás Ortega (Coruña Comarca), quen xa lograra o terceiro posto no Estatal de Lanzamentos Longos deste ano en Castellón, estará tomando parte no concurso de disco, ao igual que Hugo Fernández (Atletismo Sada) en martelo e Daniel Loureiro (A Silva) na xavelina, quen intentará superar a barreira psicolóxica dos 56 metros.

Finalmente, no concurso de peso merece especial atención a actuación da subcampioa de España Sub-18 Xiana Lago (Ría Ferrol), quen estará lanzando sobre as pistas lucenses cun favoritismo que comparte con Gema Dacosta (Vila de Cangas). Ademais, é salientábel a presenza de Carlota Salgado nas Combinadas, logo da súa prata no Campionato de España en 2020.

Comentarios