Melide celebra o 'VI Campionato de tirapedras'

Recuperar os xogos tradicionais, os de toda a vida, é o obxectivo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Por sexto ano consecutivo organiza en Melide o encontro anual da Galiza Central de Tirapedras que esta edición terá lugar o 17 de agosto.
Campionato de Tira Pedras
photo_camera Campionato de Tirapedras

En tempos de Olimpíadas e xogos de máxima audiencia a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXGPT) continúa co seu traballo de recuperaren aquelas actividades que non hai moito practicabamos pola nosa conta, sen federarse. Unha delas, se cadra a que tiña unha sona máis negativa, era a de lanzar croios cun tirapedras. Desta práctica hai seis anos naceu un campionato que conseguiu reunir en 2011 a un total de 38 tiradores e tiradoras en Melide. A organización pensa superar esta cifra nesta edición que terá lugar o 17 de agosto a partir das 11.15 h. na Praza das Coles. Para que se faga realidade cada ano esta actividade colaboran co concello de Melide, a Adega "O Mandil" e a Sociedade de Pesca Deportiva "Ponte Mazaira".

Nesta competición non hai distinción de sexos e as categorías divídense por idades

Dúas categorías e igualdade
Nesta competición non hai distinción de sexos e as categorías divídense por idades. "Os nenos/as de entre 8 e 14 anos lanzarán a unha distancia duns cinco metros e terán os seus propios premios", informa Manuel Rodríguez da AGXGPT, "e os maiores desa idade, lanzarán a uns dez metros". Os premios serán para @s primeir@s tres clasificad@s. Cada participante dispoñerá de seis proxectís para acadar a máxima puntuación posíbel contra dúas dianas.

Comentarios