Meira mete a bordo o XII Memorial Paco Fenosa de traiñeiras

Samertolameu vence nesta clásica da pretempada do remo galego após dous anos consecutivos de triunfos de Cabo de Cruz.

Traiñeira Meira
photo_camera Unha imaxe da traiñeira de Meira nunha regata da Liga ACT

A traiñeira de Samertolameu de Meira meteu a bordo a XII edición do Memorial Paco Fenosa, unha das citas clásicas da pretempada de banco fixo galego. Os de Meira gañaron de novo nas augas de Chapela, pondo fin a dous anos (2015 e 2016) de vitorias de Cabo de Cruz, e volvendo así alzar a bandeira que xa ergueran noutras ocasións, como no 2014.

Un total de 24 embarcacións tomaron parte nesta competición, que decorreu fronte ao Paseo de Cardona organizada polo club de remo Chapela. Meira fixo un tempo de 20 minutos e 28 segundos. Mecos foi segunda (20’ 32’’) e Tirán, terceira, a 9 segundos da vencedora. A embarcación de Cabo marcou o cuarto mellor tempo, con 20’ 38’’.

As tres grandes citas da pretempada de traiñeiras en Galiza deixa tres vencedores distintos. Se Meira se impuxo en Chapela, Cabo fíxoo no Memorial Pepe O Ruso (Bueu) e Ares no Memorial Lagar ( O Grove).

Este ano a elite das traiñeiras, a Liga ACT ou San Miguel, volverá contar con tres representantes galegas: Tirán, Cabo e Ares. Na Liga Galega de Traiñeiras competirán 19 embarcacións, repartidas nas súas dúas categorías A e B. Falta por concretar a Liga Feminina. 

Comentarios