Medio milleiro de vogador@s toman parte na regata de bateis do Grove

Un total de 20 clubes da Zona Sur galega participan este sábado na I Regata de Bateis Lavanova, organizada polo clube de remo Mecos en augas do Grove. Perto de 500 vogadores toman parte nunha cita na que se competirá en sete categorías
Batel de Rianxo

O Grove vai acoller este sábado a I Regata de Bateis Lavanova, organizada polo clube de remo Mecos, e no que tomarán parte por volta de medio milleiro de vogador@s. Un total de 20 clubes asisten a esta cita en augas arousáns, na que se competirán en sete categorías: tres femininas e cuatro masculinas. Unha novidade é que se permite a composición de tripulacións mixtas, se ben eses puntos non suman para a clasificación.

Esta competición no Grove servirá de termómetro para testar a situación do banco fixo galego en bateis, modalidade onde Galiza é toda unha potencia. Cómpre lembrar que no pasado Campionato de España de bateis o noso país impúxose en todas as categotías: Sete de sete en bandeiras e 14 das 21 medallas en liza foron para clubes de Galiza, que competiron nesa edición con bateis de Euskal Herria e Cantabria. Así, no grupo de promesas feminino a embarcación vencedora foi a de Robaleira, mentres que na segunda categoría o primeiro posto conquistouno Ares e na absoluta a bandeira foi para a tripulación de Meira. No que atinxira ás regatas da categoría masculina, Tirán fora a gañadora en absoluta, A Cabana en infantil e Tirán en Cadetes. É de salientar o feito polo batel de Rianxo, que se proclamara vencedor en xuvenís, obtendo así a súa sexta bandeira consecutiva.

A fotografía interior que ilustra esta nova é de Xoán Antón Castro

Comentarios